Xosé Monteagudo gaña o Premio Narrativa Breve Repsol en galego coa novela "Eternity"
Por Redacción
O Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega inscribirá no seu palmarés o nome dun escritor pontevedrés. O xurado elixiu a obra Eternity de Xosé Monteagudo como a gañadora da décimo quinta edición deste certame literario.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou que Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria.
"Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte", subliñou.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano "ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen".
Así, a novela invita ao lector, construíndo unha estrutura narrativa complexa, "a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital", segundo recolle o fallo do premio.
O galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.
Na súa XV edición, o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é licenciado en Dereito pola USC e comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato O engado do triángulo.
A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002. Catro anos despois publicou a súa segunda novela, titulada Esta historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas universitarias.
En 2009 recibiu o Premio García Barros pola novela Un tipo listo, en 2012 publicou a novela O curioso mundo das persoas normais e 2017 obtivo o premio á mellor obra narrativa da II Gala do Libro Galego e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca, por Todo canto fomos.
Algúns dos seus relatos foron publicados en revistas e xornais ou en libros colectivos. Monteagudo ademais da súa labor como novelista tamén imparte cursos sobre narrativa.