A nova Banda de Música da Lama presentarase este domingo cun concerto na Alameda
Por Redacción
Este domingo 10 outubro será o concerto de presentación da nova Banda de Música municipal da Lama composta por máis de 30 membros e dirixida por Juan Alén Castro, músico veciño de San Adrián de Calvos, en Fornelos de Montes.
O Concello da Lama salienta que coa posta en marcha desta agrupación musical recupérase a tradición bandista no municipio, onde a veciñanza garda lembranzas das antigas bandas como a "Celta" de Antas e do prestixioso músico e compositor lamense Hixinio Cambeses.
Precisamente unha das obras compostas por Hixinio Cambeses, "A noite do Santo Cristo" inspira o logotipo da nova agrupación musical que ademais de ter representado o escudo da Lama e unha lira tamén recolle sobre un pentagrama a primeira estrofa desa vella composición do mestre de Antas.
Un acordo entre un grupo de músicos da contorna e o Concello da Lama permite agora recuperar esa tradición coa posta en marcha da Banda de Música da Lama a través dun convenio que permitirá a esta agrupación ensaiar e dispoñer da axuda, da cobertura e dos recursos municipais ao tempo que levará o nome da Lama polos distintos lugares de Galicia a través da música dos seus concertos.
Segundo o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, "é un fito longamente desexado pola nosa veciñanza que agora convértese en realidade. Ese é o primeiro paso para ir recuperando, pouco a pouco, a afeción da Lama polas bandas e a súa música".
Daniel Vidal agarda "que esto sexa o xérmolo formativo das novas xeracións interesadas no mundo da música e que terán nesta banda un elemento fundamental para apoiar a súa formación e animar aos máis novos a seguir os pasos dos grandes músicos que tivo A Lama" como Hixinio Cambeses, os irmáns Benigno e Luciano Ogando e José Sanjurjo, de Antas; Laureano Ventín, de Gaxate; Albino Martínez, de Fornelos; ou Don Roxelio, o ilustre cura de Xende.