Chega a Pontevedra a exposición que traslada ao 'universo cómic' obras mestras da pintura
Obras mestras como "As Meninas" de Velázquez, "O Berro" de Munch, "O Guernica" de Picasso, "A liberdade guiando ao pobo" de Delacroix ou "A columna rota" de Frida Kahlo chegan a Pontevedra. Pero non os seus orixinais, senón unha reinterpretación con estética de cómic.
Máis de 70 debuxantes nacionais e internacionais participan na exposición A arte no cómic, na que o público poderá ver medio milleiro de ilustracións nas que artistas da novena arte achegan a súa particular visión sobre grandes obras da pintura universal. Poderá visitarse ata o 11 de novembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura.
O comisario da exposición, Asier Mensuro, sinalou na súa presentación que esta mostra itinerante, que visitou unha decena de cidades españolas desde 2016, "nunca estivo tan bonita como en Pontevedra", con dous terzos de obras novas.
"Pontevedra deu o do de peito", engadiu Mensuro, que destacou a importancia da cidade no cómic actual. Algúns dos artistas "máis interesantes e vangardistas", explicou, formáronse en Belas Artes ou no Garaxe Hermético.
Ata o de agora, detallou, "coñeciamos o camiño oposto" como o emprendido polos grandes pintores do Pop Art que "fagocitaron" a iconografía do cómic, pero o camiño inverso "está moito menos estudado e esconde verdadeiras sorpresas".
Pablo Gonzalo, responsable de Cultura Dixital na Fundación Telefónica, subliñou que esta exposición achega unha "narrativa especial", ao mostrar ás público viñetas e ilustracións que se inspiran en obras de arte, cunha mirada "fresca, innovadora diferente e orixinal".
Entre as novidades que inclúe a estancia en Pontevedra desta exposición, atópase a incorporación ao catálogo de obras de ilustracións de autores galegos como Miguelanxo Prado, Brais Rodríguez, Óscar Raña ou Cynthia Alfonso.
Pero, sen dúbida, un dos seus grandes atractivos é poder contemplar os 107 debuxos de conforman a biografía en cómic da pintora estadounidense Georgia O' Keeffe, obra da ilustradora valenciana María Herreros, á que se lle dedica toda unha sala.
A artista, que acudiu a Pontevedra para esta presentación, asegurou que o cómic "sendo arte en si mesmo" serve neste caso para que disciplinas que "chegan a menos xente" como a pintura contemporánea se abran ás novas xeracións.
Para A arte no cómic, a Fundación Telefónica reuniu versións libres de grandes pinturas que fixeron autores como Javier Olivares, Premio Nacional de Cómic de 2015, Paco Roca, Santiago García, Mamen Moreu, Juan Berrio, Ana Galván ou Roberto Matta.
A eles súmanse, entre outros, Tyto Alba, Teresa Valero, Milo Manara, Rubén Perellejo, Don Julio, Ángel de la Calle, Daniel Torres, Luis Durán, Arthur Suydam, Álvaro Ortiz, Gin, Enrique Ventura, Clement Oubrerie, José Luis Martín, Alfonso Azpiri, Raúlo Cáceres ou Patricio Clarey.
Relacionadas:
-
RADIO.- As 'Conversas na Ferrería' ofrécenche unha particular audioguía de 'A arte no cómic'
Por Redacción |
-
María Herreros: "Falta que nos vexan como iguais. Que non se espere de nós só cómics con mirada feminina"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra presenta o seu "telescopio cultural" cunha programación "de luxo" ata final de ano
Por Alejandro Espiño |