Doses de humor co programa "Anota Cultura", que encherá Poio de monólogos, teatro e cinema
Por Redacción
Poio saca a luz o programa Anota Cultura. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, presentou este venres no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó unha iniciativa que ofrecerá á veciñanza monólogos, proxeccións, espectáculos humorísticos ou representacións teatrais, entre outras actividades.
Boa parte da programación desenvolverase nas propias dependencias do centro cultural, desde o seu inicio a vindeira semana ata a súa conclusión ben entrado o mes de decembro. Todas as citas serán de balde e estarán adaptadas ás pertinentes medidas que marcan as autoridades sanitarias.
A primeira actividade deste novo programa terá lugar o venres 15 de outubro e consistirá na representación de Velliñas, a cargo de Butaca Zero e Inherente Teatro. A sesión, que forma parte do Programa Tornar ás Taboas, impulsado pola Deputación de Pontevedra, dará comezo ás 21 horas e contará con entrada libre ata completar aforo.
O sábado 30, a Asociación de Mulleres Arela organiza a tradicional Festa de Samaín, que terá lugar entre as 19.30 e as 22 horas na Praza da Granxa de Campelo, contando con actuacións musicais, concursos e outras sorpresas.
Unha das actividades estrela de Anota Cultura desenvolverase no Xaime Illa o venres 26 de novembro. Será entón cando se leve a cabo a proxección do filme A illa das mentiras, inspirada no naufraxio do Santa Isabel nas inmediacións da Illa de Sálvora a principios do século XX. A cita será ás 21 horas.
Previamente, ás 20.30, haberá unha charla- coloquio, dirixida polo periodista Tino Viéitez (responsable dunha exposición itinerante que lembra a historia do naufraxio e das veciñas de Sálvora que salvaron a parte da tripulación) e que contará coa participación da directora da película, Paula Cons.
Para asistir a este evento será necesario reservar previamente, cun máximo de dúas entradas por persoa, a través do correo electrónico anotaculturapoio@gmail.com.
Raquel Rodríguez tamén se referiu ao ciclo Risadas Contadas, que completará a programación e a través do cal ofreceranse representacións teatrais en chave humorística e monólogos os venres no Xaime Illa, desde o 5 de novembro ata o 10 de decembro.
Faia Díaz e Velo Rilo estrearán este ciclo, mentres que o encargado de pechalo será o humorista Sergio Pazos. Tamén pasarán por Poio Lois Pérez, Isabel Risco e Pedro Brandaríz. As sesións serán ás 21 horas e tamén precisarán de reserva previa.
A concelleira de Cultura anima á cidadanía a tomar parte nestas actividades gratuítas, a través das cales “apostamos por unha oferta de lecer que está pensada para toda a veciñanza”.
Relacionadas:
-
Concursos e actividades de terror polos dez anos do Samaín de Campelo
Por Redacción |
-
Pedro Brandariz pecha este venres o ciclo 'Risadas contadas'
Por Redacción |
-
Sergio Pazos contaxiará humor este venres 3 no Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción |
-
O ciclo ‘Risadas Contadas’ anuncia a actuación de Isabel Risco e cambios na programación
Por Redacción |
-
Recupérase a cita tradicional co Samaín en Campelo
Por Redacción |
-
"Velliñas", a viaxe vital de tres mulleres maiores, fai parada en Raxó
Por Redacción |
-
'Seica na Seca! dá a oportunidade a novos talentos da cultura urbana
Por Redacción |