The Last Internationale pon a banda sonora ao ciclo Guerrilla en Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
A música adoptou o papel protagonista este venres en Guerrilla, o ciclo de cultura social e comprometida que se está desenvolvendo en Pontevedra. Foi da man da banda estadounidense The Last Internationale, que actuou no Teatro Principal.
Do mesmo xeito que sucedera o día anterior co espectáculo de Leo Bassi, o público que, de maneira gratuíta, reservara a súa entrada puido asistir ao concerto.
A súa actuación, que foi en formato acústico, estivo composta por versións especiais de temas de loita e resistencia, acordes coa temática desta cita cultural.
Antes do concerto, no Pazo de Mugartegui, Montse Fajardo e María Xesús López Escudeiro conversaron acerca da loita loita antifranquista en Pontevedra.
Guerrilla chegará á súa fin este sábado cunha sesión tripla de actividades.
A partir das seis da tarde, no Pazo de Mugartegui, Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de narración oral sobre historias de amor, de vida ou de guerra e, a continuación, Marwán e Iván Prado falarán sobre a situación de Palestina e da poesía como motor de cambio.
O broche de ouro será ás nove da noite, xa no Teatro Principal, co concerto de Marwán, que presentará en directo o seu novo traballo, un poemario e cancioneiro titulado Unha muller na garganta.