"Velliñas", a viaxe vital de tres mulleres maiores, fai parada en Raxó
Por Redacción
Un espectáculo que nos anima a emprender novas aventuras vitais sexa cal sexa a nosa idade, apoiándonos nas nosas amizades para conseguir os nosos soños. Así é Velliñas, unha obra de Butaca Zero e Inherente Teatro que se representará en Poio o próximo venres 15 de outubro.
Será a partir das nove da noite no auditorio do Centro Cultural Xaime Illa Couto, en Raxó, dentro do programa cultural Tornar ás Táboas da Deputación de Pontevedra.
As entradas serán balde e poderán recollerse directamente ata completar aforo.
En Velliñas, tres mulleres maiores deciden embarcarse, a pesar da idade, nunha viaxe a pé de cara a Santiago de Compostela.
Pero esta premisa non é máis que a escusa para facer ver en escena todos os problemas polos que pasamos día a día na convivencia: os medos que nos atrapan e non nos permiten camiñar ou as imprudencias que nos fan perder o norte.
Con dirección de Xavier Castiñeira e dramaturxia de Esther F. Carrodeguas, as actrices Noelia Blanco, Noa Covelo e Alba Blanco dan vida a Ramona, Filomena e Anabel, as tres entrañables protagonistas desta obra, ocultas tras unhas máscaras larvarias que apenas lles permiten ver, para crear un mundo máxico no que mergullarse.