Anxo Lugilde conta no Principal a súa loita de 30 anos contra a depresión recollida no libro 'A vella compañeira'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Anxo Lugilde é un escritor e xornalista lucense que traballa como correspondente de La Vanguardia. Desde hai trinta anos sofre unha depresión. Actualmente tenta superar o terceiro episodio que padece durante o últimos cinco anos.
Así o explicaba este luns 11 en Pontevedra na súa primeira rolda de prensa en Europa para presentar o acto que a partir das 20.00 horas se desenvolverá no Teatro Principal no que presentará o libro 'A vella compañeira' no que narra a súa loita contra esta enfermidade, nunha obra publicada en castelán, galego e catalán. Nesta sesión atoparase acompañado por Iria Veiga, psiquiatra e divulgadora científica.
"É un libro de desventuras", avanza o autor sobre esta obra na que conta a súa peripecia coa enfermidade desde neno. Aos 18 anos diagnosticáronlle a enfermidade "totalitaria, que te domina totalmente desde o cerebro. Non hai outra cousa que sexa ela e os seus pensamentos autodestrutivos", afirma Anxo Lugilde ao referirse á depresión. Por este motivo, na novela realiza un paralelismo entre este problema de saúde coa II Guerra Mundial e o Terceiro Reich.
"Non quero que a xente chore lendo o libro", explica sobre unha obra en que a enfermidade aparece como unha bomba de reloxería, que coa pandemia acelerouse e da que apenas se ten información, malia ser unha das afeccións máis estendida. No seu caso, a falta de afectividade e de exercicio durante o confinamento provocou un novo episodio da doenza.
Anxo Lugilde recoñece que el mesmo foi etiquetado como "tolo" porque está enfermidade sempre foi "tabú, que había que ocultar". Entre os síntomas que se descoñecen da depresión se atopan os problemas contracturais e os bloqueos mentais, que el mesmo sufriu en intervencións públicas.
Lamenta a situación da Psiquiatría en Galicia e no conxunto do Estado. "É un escándalo", sinala ao denunciar que faltan recursos. Insiste, neste sentido, en que a presenza de profesionais de Psicoloxía na sanidade pública axudaría a que o consumo de pastillas fose menor.
Anxo Lugilde: "Eu cheguei a sentir como se me clavasen un cristal no peito"
O 9 de outubro participou nun acto na Moncloa co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a ministra de Sanidade, Carolina Darias, centrado nun coloquio sobre saúde mental.
Alí, tal e como escribía na súa conta de Twitter, o escritor tentou ser "a voz dos sen voz, dos camaradas con enfermidade mental, en especial dos depresivos". Alí demandou máis implicación por parte das administracións, sobre todo, para apoiar a aquelas persoas solitarias que sofren a enfermidade e que poden chegar a pensar no suicidio.
"O da depresión é unha dor tan atroz que e o suicidio é un escape. Eu cheguei a sentir como se me clavasen un cristal no peito e se non tes a ninguén estás moito máis exposto", admitiu Anxo Lugilde, que agradece que se ofreza visibilidade a estes temas para axudar a loitar contra os problemas que ocasionan os trastornos mentais.
O escritor foi recibido no Concello polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces.