Pontevedra, penúltima parada de Chévere antes de levar a súa tarantiniana "Eurozone" a Madrid
Por Alejandro Espiño
Chévere volve a Pontevedra. Tras triunfar con Citizen e abarrotar o Pazo da Cultura coa súa Ultranoite, a compañía presenta o seu novo espectáculo, Eurozone, unha farsa teatral sobre a crise na zona euro que fala sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos actualmente. Será o xoves 24 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. ÿ a segunda cita da programación do ciclo Ponteteatro.
A obra ten como inspiración o Reservoir Dogs de Tarantino, explicou un dos actores de Chévere, Miguel de Lira. Dita película presenta a un grupo de mafiosos que traman o atraco a un banco, un argumento que a compañía traslada a Europa. "Estamos ante un atraco á cidadanía por parte duns mafiosos coa complicidade dos bancos", afirmou o actor, quen adiantou que esta obra ten unha gran carga política e económica.
Igual que na película de Tarantino, algo falla no atraco. "Nós falamos da experiencia fallida da eurozona, un final de sistema no que nos replanteamos moitas cousas nesta Europa que nos toca vivir". E nesta aproximación ao "gran atraco especulativo", os protagonistas serán os principais líderes político-económicos europeos: Angela Merkel, Mario Draghi, Nicolas Sarkozy ou Christine Lagarde, "colaboradores necesarios dun sistema que nos está arruinando".
E todo iso mesturado con elementos de "trangresión e clown" e utilizando unha linguaxe de 'thriller' para facer que a obra sexa máis atractiva para o público.
Trátase, segundo sinalou Miguel de Lira, un espectáculo de gran formato "que vai a contracorrente co que se pode ver en tempos de crise". Son oito actores en escena, dous técnicos e unhas doce persoas en xira. A eles acompáñanlles dous camións, porque a obra ten unha escenografía "contundente". Todo un esforzo de produción que se compensa pola gran acollida que tivo o espectáculo.
Desde que Eurozone estreouse a pasada primavera, pasou por varios festivais de teatro e representouse en numerosas localidades "sempre cunha gran resposta do público e agardamos que Pontevedra non sexa a excepción". Tanto foi o éxito desta montaxe que foron contratados polo Centro Dramático Galego para representalo durante un mes no Teatro Vale Inclán (Madrid), "todo un fito histórico para ou teatro galego".
As entradas para este espectáculo, que teñen un prezo de oito euros (catro para estudantes, parados e xubilados) pódense adquirir en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500.