Belas Artes lembra a Manuel Moldes poñendo o seu nome á sala de exposicións
Por Mónica Patxot & María José Pita
'Sala Universitaria profesor Manuel Moldes' é o nome que desde este 15 de outubro quedará inscrito para sempre no edificio da Facultade de Belas Artes, na que o artista pontevedrés exerceu a docencia na materia de Debuxo ata o seu falecemento en 2017.
O espazo expositivo situado ao carón da porta principal do centro universitario estrea esta nova denominación e unha mostra de obras do artista centrada na súa serie "Vieiros", formada principalmente por debuxos, algúns tan curiosos como os trazados sobre papel milimetrado, aínda que tamén se poden contemplar óleos sobre lenzo.
No acto de inauguración estiveron presente a viúva do artista, Carmen Díaz Cacheda, e os seus fillos, ademais dunha representación institucional formada por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Xosé Manuel Buxán, decano da Facultade de Belas Artes; e Sara Donoso, comisaria da exposición.
Carmen Díaz agradecía emocionada en nome da familia esta homenaxe explicando que "este espazo é moi importante porque Manolo foi feliz, estivo moitos anos aquí e esta é a súa casa" na que estaban os seus alumnos e os seus "compañeiros de vida". Coa voz entrecortada, a viúva do artista quixo deixar unha frase para o recordo: "a vida dos mortos continúa na memoria dos vivos".
O decano de Belas Artes destacaba que Manuel Moldes foi unha persoa moi cercana e o "artista feliz por antonomasia" sempre ideando novas solucións "cos seus trebellos". Aludía tamén ao vínculo permanente coa cidade de Pontevedra, un aspecto que ampliou o alcalde Miguel Fernández Lores ao referirse a un proxecto truncado pola prematura morte do artista pero no que o Concello sigue traballando en colaboración coa filla arquitecta de Manuel Moldes. Trátase dun mosaico de grandes dimensións que estaría situado previsiblemente nun punto do Camiño Portugués a Santiago e que representaría motivos referentes á Vía Láctea e aos petróglifos de Galicia.
Sara Donoso, a comisaria da mostra que inaugura este espazo, poñía de relieve o carácter tan cercano dun artista que no tempo de dar clase na Facultade de Belas Artes xa tiña recoñecemento internacional. A propia Donoso foi alumna súa e sinalaba "o seu pulo que sempre nos incitaba a aprender facendo" e xogar cos erros. No seu caso, Moldes descubriulle as posibilidades do debuxo, que ían máis aló do academicismo.
Toda esta exploración e propostas inusuais co trazo e os materiais pódese contemplar na escolma da obra do artista, na que hai tres obras inéditas do ano 1977 e que baixo o título "Manuel Moldes. Vieiros na memoria", poderá visitarse ata o 15 de decembro na 'Sala Universitaria profesor Manuel Moldes' da Facultade de Belas Artes.
Relacionadas:
-
‘Formas de atrapar unha sombra’ inaugúrase na Sala Manuel Moldes con obras de catro artistas
Por Redacción |
-
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes acolle a inauguración da exposición "Aire Galería"
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Catálogo da Facultade de Belas Artes para lembrar a obra do pintor pontevedrés Manuel Moldes
Por Redacción |
-
Reactivación cultural con cautela
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Dobre homenaxe a Manuel Moldes: exposición con obras inéditas para abrir a sala bautizada co seu nome
Por Redacción |
-
A Sala X de Belas Artes será rebautizada co nome de Manuel Moldes
Por Alejandro Espiño |
-
A Fundación Manolo Moldes terá a súa sede no edificio da Xunta de Benito Corbal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |