O deseño pontevedrés chega á mostra 'From Spain With Design' da man de ERA Comunicación
Por Redacción
Unha dorna cunha quilla en forma de peixe que serviu para ilustrar a Festa do Mar de Combarro no 2015. Este cartaz creado por ERA Comunicación é o selo pontevedrés da primeira exposición do proxecto From Spain With Design, unha mostra promovida pola Rede Española de Asociacións de Deseño (READ), que se inaugura este sábado no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela.
A exposición ten como finalidade escoller os deseños a nivel estatal que mellor representan a identidade e o territorio, é dicir, que son quen de encarnar o xeito de ser, de vivir e de relacionarse co medio e co mundo dun espazo concreto, como é, no caso do cartaz de ERA, o municipio de Poio e, por extensión, a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas.
A Festa do Mar, igual ca o resto de eventos festivos que marcan o calendario da nosa provincia durante o verán, é un escaparate perfecto de gastronomía, tradición, artesanía, folclore e música. Todo elo cun vencello inesquecible co mar, as súas xentes e o seu carácter.
Esa amalgama está perfectamente representada no deseño de ERA Comunicación, que por esa capacidade de retratar a identidade do noso territorio foi seleccionado como un dos 60 carteis que estará exposto no CGAC durante o tempo que dure a mostra (ata o 30 de xaneiro de 2022). "É un cartel onírico, no que quixemos mostrar esa fusión do home co mar", explica Esther Bailón, deseñadora de ERA.
Bailón e Jose Antonio Pérez, a outra alma máter desta empresa pontevedresa, acudiron á inauguración da exposición en Santiago. "É unha honra poder estar entre tantos deseños a nivel estatal representando a Pontevedra e ao noso territorio e, sobre todo, mostrando que o deseño galego, e concretamente o pontevedrés, ten moita forza e capacidade de transmisión de valores".
Segundo explican desde a READ, o proxecto no que se enmarca a mostra, From Spain With Desing, foi concibido de forma colaborativa para potenciar a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional. Entre os seus obxectivos, destaca o impulso da creatividade e do deseño como eixos de desenvolvemento e como ferramentas para unha comunicación eficaz, unha reflexión á que se suma Esther: "O deseño permítenos transmitir mensaxes potentes cara á cidadanía ou crear imaxes icónicas que fortalezan os lazos da veciñanza coas súas tradicións e citas máis relevantes, como acontece no caso da Festa do Mar en Poio. É unha maneira de poñer en valor todo o patrimonio e de comunicalo, contarllo ao mundo dun xeito atractivo".
Así a todo, non é a primeira alegría que este cartel lle dá a esta empresa pontevedresa. Xa recibira con anterioridade o premio a Mellor cartel na Selección Anuaria 2016 dos Premios Anuaria e tamén nos IGDEA (International Graphic Design Awards) 2017 Europa, na categoría de Best Poster.