Escritos de Cunqueiro exercerán de guía turística da provincia
Por Redacción
'Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra' é o libro recompilatorio que recolle textos de Álvaro Cunqueiro sobre a provincia de Pontevedra. Nas súas páxinas atópanse traballos dedicados a Pontevedra, Vigo, Arousa, Cambados ou Tui, ademais de itinerarios turísticos pola comarca do Deza, Cuntis, toda a contorna da Ría de Vigo ou as Illas Cíes.
A estes puntos engádese un apartado sobre viaxes gastronómicas e outra sobre textos de carácter oral relacionados con conferencias e pregóns de festa vinculados a diversos puntos da provincia.
Con estes elementos, Carmela Silva, presidenta da Deputación, e Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, presentaban este martes este traballo que selecciona pezas do autor de Mondoñedo e que servirá para promocionar Pontevedra en diversos puntos da península.
Carmela Silva aifrmaba no acto que se realizou na sede de Vigo da institución provincial que "non hai unha guía turística tan fermosa como esta. Recoñecemos todos os lugares pero están descritos dunha forma máxica".
A obra está editada por Galaxia co apoio da Deputación de Pontevedra. A presidenta anunciou que levará leste mesmo mes este libro ás súas viaxes a Madrid, Valencia e Zaragoza para mostrar o destino turístico que supón a provincia con valores paisjaísticos, gastronómicos, de lendas, cultura, historia e patrimonio, tal e como recolle Álvaro Cunqueiro nos seus textos, en galego e castelán, ao longo das 200 páxinas deste libro.
Desta forma, o autor de 'Merlín e familia' definía a Pontevedra como "luminosa e alegre", e destacaba que lle gustaba contemplar Santa María desde a outra abeira recoñecendo que "Pontevedra é nova e feminina e ten, polos días de abril e maio, unha claridade que, como o tempo de verán na canción antiga, pon gozo no corazón".