García Lorca e a súa relación con Galicia centrarán a terceira edición da 'Semana Lorquiana'
Por Redacción
A partir do martes 26 de outubro, o Museo de Pontevedra converterase en escenario principal da terceira edición da Semana Lorquiana, un evento que se organiza con motivo do 'Día de García Lorca en Galiza', que se conmemora o 25 de outubro.
A empresa cultural Polo Correo do Vento encargarase de realizar diversas actividades dirixidas ao público infantil e adulto para explicar a relación entre o poeta, dramaturgo e prosista da Xeración do 27 coas terras galegas. Federico García Lorca definíase a como "poeta galego" e escribiu pezas en lingua galega, que terminaron por converterse en óbraa 'Seis poemas galegos', editada inicialmente en decembro de 1935 con 200 exemplares, moitos deles calcinados durante o asalto á imprenta Nós en 1938.
O martes 26 realizaranse sesións orais para escolares de centros de Pontevedra con narracións para público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra. O alumnado finalizará a actividade debuxando ao poeta granadino nun obradoiro creativo.
O xoves 28 ás 19.30 horas, o Edificio Castelao acollerá unha mesa redonda baixo o título 'Un día das Letras Galegas para Federico García Lorca' moderada pola escritora e libreira Mercedes Corbillón coa participación do crítico de arte Ramón Rozas e o escritor Henrique Alvarellos. A continuación, o actor Marcelo Dobode realizará unha lectura teatralizada.
Por último, o sábado 30 está prevista un roteiro titulado 'Lorca en Pontevedra', que se iniciará ás 13.00 horas desde o Edificio Castelao. Para participar é preciso inscribirse no correo polocorreodovento@hotmail.com