Comezan as actuacións do Circuíto Galego de Teatro Amador na Cultural de Mourente
Por Redacción
A compañía pontevedresa de teatro afeccionado Petanaporta coa montaxe 'O pequeno poni' será a encargada de abrir este domingo 24 de outubro o ciclo do Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 no salón de actos da Sociedade Cultural de Mourente, situada na avenida de Lugo, 109.
Esta primeira obra aborda o acoso escolar cunha adaptación do texto orixinal do dramaturgo Paco Bezerra. A montaxe está dirixido por Vanesa Sotelo e a obra baséase nos feitos ocorridos en 2014 en Carolina do Norte, cando prohibiron a entrada a un centro de estudos a un menor, que sufría ataques físicos e verbais, por levar unha mochila duns debuxos animados.
A función comezará ás 20.00 horas. do mesmo xeito que as outras tres representacións previstas en domingos do mes de novembro no mesmo escenario. Teatro Escoitade presentará 'Un hotel de primeira sobre o río' o 7 de novembro. O domingo 14 chegará a quenda de Teatro Rueiro co espectáculo 'O avarento', mentres que o 21 do mesmo mes pecharase este ciclo con 'Chicago Killers' de Atrezo Teatro.
Estas actuacións están promovidas pola agrupación pontevedresa Avelaiña Teatro en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) e as funcións van dirixidas a todos os públicos.