A música volve á programación cultural do campus de Pontevedra
Por Redacción
Despois duns meses marcados pola pandemia, a música volve formar parte da programación cultural do campus de Pontevedra, da man do ciclo de concertos impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías.
Músicas do mundo, jazz e folk combínanse nunha programación que abre este sábado 30 no Teatro Principal o Grupo Dous. Neste mesmo espazo actuará o 24 de novembro Alfonso Medela Trío, mentres que o 2 de decembro farano Caamaño & Ameixeiras, acompañadas pola violonchelista Margarida Mariño. As tres actuacións foron programadas para ás 20.30 horas e contan con entrada libre ata completar aforo.
“Queremos darlle certa estabilidade e tentaremos que se desenvolva ao longo de todo o ano”, engade a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo.
O clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera serán este sábado os responsables de pór inicio a este ciclo, co seu proxecto Grupo Dous, que crearon en 2021 e polo que foron tres veces finalistas dos Premios Martín Códax da Música Galega na categoría de músicas do mundo.
A seguinte cita terá como protagonistas ao pianista Alfonso Medela, o contrabaixista Oscar Rodríguez e o batería LAR Legido. O 2 de decembro terá lugar a actuación do dúo de música de raíz que conforman Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), que estarán acompañadas pola violonchelista Margarida Mariño, coa que realizaron Aire!, disco que centrará o repertorio deste concerto.