Chega a Pontevedra "A estrela do día", unha comedia para "recuperar a fe no teatro"
Por Redacción
O público pontevedrés ten unha nova cita co ciclo Ponteatro. Será coa obra A estrela do día, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas. Poderase ver este xoves 28 de outubro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.
A obra, segundo os seus creadores, é unha comedia coa que "recuperar a fe no teatro" ao ser o único lugar "onde o milagre aínda é posible".
Dirixida por Marcos PTT Carballido, A estrela do día está protagonizada polos actores Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez, que recrearán os milagres de Santa María cunha versión actualizada chea de cor, de música, de misterio e de humor.
Así, ante o público desfilarán soldados que foxen da guerra, unha nova obrigada a casar con quen non quere, unha monxa que foxe do convento, homes presos por roubar comida ou unha muller que foxe dos brutos que a acosa.
Dramas, todos eles, resoltos pola milagrosa intervención de María con aparicións dignas da mellor vedette de varietés.
As entradas para este espectáculo, que teñen un prezo xeral de 8 euros, pódense adquirir a través de Ataquilla.com.