Ata o 30 de novembro ábrese o prazo para presentar textos ao Certame de Microteatro da Memoria
Por Redacción
O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra a través da responsable María Ortega asinaba este mércores o acordo de colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), representada polo seu director Roberto Relova, coa intención de poñer en marcha a segunda edición do Certame de Microteatro da Memoria.
Numerosos estudantes e antigos alumnos da ESADg participaron na primeira edición deste concurso de textos teatrais, que finalmente gañaba 'Un biolo na noite', de Ana Abad de Larriva, unha obra na que se aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, con visión de país e de clase.
Este certame, segundo Relova, supón investigación, pedagoxía e que o alumnado se implique con propostas baseadas na realidade histórica do pobo.
As bases para participar nesta segunda edición publicaranse na páxina web da Deputación e da ESAD o vindeiro martes 2 de novembro. Calquera persoa que o desexe pode presentar os seus orixinais que deberán ser pezas curtas cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara, de estilo libre e escritas en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.
O prazo de presentación finaliza ás 00.00 do 30 de novembro. A entrega deberá ser telemática a través do correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.es no que conste como asunto 'II Certame de Microteatro da memoria'.