Lembranza ao pintor José Solla, falecido en setembro en Mar de Plata
Por Redacción
En setembro, o pintor José Solla, falecía en Mar de Plata, en Arxentina, despois dunha traxectoria na que estivo moi vinculado a Bueu. Por este motivo, durante este domingo, o Centro Social do Mar na vila convertíase nun espazo de recordo á figura do artista coa presenza do alcalde e representantes da corporación municipal, ademais da deputada de Cultura, familiares e amizades do pintor.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, afirmou que Solla era un amigo, unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba e destacou a súa categoría humana.
Durante o acto proxectábase os documental 'Horizontes', obra da creadora Alba Sotelo, con financiamento da Deputación. Tamén actuaba a Banda de Gaitas Manxadoira e o momento central chegaba coa intervención de Dolores Solla, sobriña do artista. Lembrou a relación co seu tío desde a adolescencia precisamente na xornada en que Solla celebraría o seu 94 aniversario.
O Concello de Bueu bautizou co nome de José Solla o paseo de Agrelo- Portomaior no ano 2013 e debuxos do artista doados en 2015 serviron para que a Escola de Cantería realizase a escultura 'Inés Palmira', situada na Praza Massó. Nela figuran 500 gravados con mosaicos recollendo accións de persoas do Morrazo. Precisamente, o evento de homenaxe finalizaba neste punto cunha ofrenda floral.
O pintor fundou a Galería de Arte Solla en Arxentina mentres que en Galicia realizou numerosas exposicións e accións urbanas. Entre os seus últimos traballos atópase a exposición 'Coplas de cego', da Deputación de Pontevedra.