Comeza a xira do CDG que traerá a Pontevedra e Vilagarcía o espectáculo 'O charco de Ulises'
Por Anxo Lourido
Este venres 5 comeza en Tui a xira da produción do Centro Dramático Galego (CDG) que leva por título 'O charco de Ulises', un espectáculo dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. Ata o 12 de decembro, a montaxe presentarase en vinte municipios de Galicia e Portugal, entre eles atópanse Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
Trátase da xira máis ampla realizada pola compañía pública durante os últimos anos, segundo explicaba o director do CDG, Fran Núñez, durante a presentación en Santiago. O sábado 20 de novembro, ás 21.00 horas, a obra chegará ao Pazo da Cultura en Pontevedra e o venres 26 deste mesmo mes poderase ver no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. As entradas xa se atopan á venda en Ataquilla.
A montaxe ofrece unha versión do clásico de Homero nunha viaxe transatlántica en que Ítaca é Galicia, Troia simbolízase en Bos Aires e o Mediterráneo orixinal é cambiado polo Atlántico. A trama foi elaborada por Santiago Cortegoso e ofrece unha perspectiva sobre a emigración galega cunha elevada carga de elementos poéticos e a presenza da saudade e morriña como sentimentos complexos nunha historia que lembra a condena dos deuses a Ulises para que errase durante dez anos como castigo por utilizar a trampa do cabalo para destruír Troia.
Os papeis de Ulises e Penélope son interpretados por Fran Paredes e por Inés Salvado, á fronte dunha repartición no que se atopan Mónica Camaño, Rosalía Castro, Óscar Allo, Miguel Borines, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, acompañados polo músico Xosé Lois Romero.