Luís Iglesia e Marcos Orsi reflexionan sobre a incomunicación humana en "Conexión Pingüín"
Por Redacción
Conexión Pingüín, unha comedia que fala da incomunicación entre os seres humanos, será a próxima aposta do ciclo Ponteatro. Os actores Luís Iglesia e Marcos Orsi protagonizan esta obra, que se representará este xoves 4 de novembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.
Os dous actores métense na pel de dous intrépidos montañeiros, con falta de sentido común e exceso de ego, que tratan de chegar á Antártida, loitando contra as inclemencias polares, a falta de escolta, o descoido mortal e as súas propias barbas, que non paran de crecer.
A posta en escena de Conexión Pingüín mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte, cordas enredadas, un mapa, un compás ou un GPS para reforzar un relato sobre a falta de comunicación nunha sociedade cada vez máis conectada.
As entradas para este espectáculo, que teñen un prezo xeral de 8 euros, están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.