Rosario Álvarez e Menchu Lamas obteñen os Premios Otero Pedrayo 2021
Por Redacción
A pontevedresa Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Menchu Lamas, artista viguesa, son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo deste 2021, que convoca a Xunta de Galicia e as catro deputacións da comunidade autónoma. Nesta edición, a Deputación de Pontevedra era a encargada da organización e, durante a tarde deste mércores, o xurado reuníase na institución provincial coa presidenta Carmela Silva á fronte.
Rosario Álvarez Blanco fora proposta pola escritora Fina Casalderrey, en representación da Real Academia Galega, mentres que Menchu Lamas foi proposta pola propia Deputación Provincial. O galardón está dotado con 16.000 euros.
Carmela Silva encargábase de comunicar o resultado ás dúas premiadas despois da decisión do xurado. A presidenta destacou a "extraordinaria" traxectoria das dúas mulleres premiadas e sinalou que é fundamental romper cos datos de invisbilización que mostran como desde 1977 só cinco mulleres obtiveron este galardón.
Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) é a primeira muller encargada de presidir o Consello da Cultura Galega, un cargo que ocupa desde o ano 2018. A súa traxectoria mostra un importante traballo no terreo universitario e da investigación en defensa da cultura galega. É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Entre outros cargos, ocupou a vicerreitoría de profesorado da universidade e foi directora do Instituto da Lingua Galega, ademais é integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega, institución á que pertence desde 2003. Publicou diversos libros de texto de lingua e literatura galegas para o ensino secundario e conta cun labor investigador moi prolífica con numerosas publicacións en congresos e revistas especializadas.
Carmen Lamas Pérez, Menchu Lamas (Vigo, 1954) é unha das artistas galegas de máis proxección internacional e creadora fundamental na renovación da arte galego. É a primeira artista plástica que obtén este premio Otero Pedrayo. As súas obras atópanse presentes no Museo de Arte Contemporánea de Madrid; o Museo Patio Herreriano de Valladolid; o Museo Reina Sofía en Madrid ou en coleccións de arte de Abanca, Afundación ou La Caixa de Arte Contemporánea. En 2018 ingresaba na Real Academia Galega de Belas Artes e conta con premios como Viguesa distinguida, concedido en 2016 ou o Cultura Galega dás Artes Plásticas, logrado en 2010.
Relacionadas:
-
Menchu Lamas e Rosario Álvarez reciben en Pontevedra os Premios Otero Pedrayo 2021
Por Redacción |
-
Rosario Álvarez e a Esdemga reciben con orgullo o Premio Cidade de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
RADIO.- Rosario Álvarez Blanco: "Pontevedra ten unha tradición culta que poucas cidades teñen"
Por Marisa Ciordia |