'Unha fiestra cara a vida', primeiro videoclip do grupo pontevedrés A Banda Senlleira de Robacallos
Por Redacción
As vivencias durante a etapa de confinamento e pandemia reflíctense en 'Unha fiestra cara a vida', primeiro single do grupo pontevedrés A Banda Senlleira de Robacallos, que conta cun espectacular vídeo que o día 7 publicábase en Youtube e que xa conta con máis de 1.600 visualizacións.
Bruno Cerviño (saxofón, melódica e voz), Martín González (violín) e Xulián Santiago (guitarra e voz) levan un ano traballando para sacar adiante este proxecto musical enfrontándose ás dificultades derivadas da situación pandémica. En todo caso, afirman que este escenario supuxo un empuxón como grupo e tamén de maneira persoal para superarse. Recoñecen que este proxecto para eles é unha xanela cara á vida, tal e como recollen neste tema.
Defínense como un grupo con alma de folk, de punk e de pop. Pero destacan, sobre todo, a enerxía que lles move co obxectivo de facer bailar aos seus seguidores. Este primeiro vídeo musical foi dirixido por Anthoni Grande e ofrece imaxes espectaculares de Pontevedra comezando cunha perspectiva aérea do centro histórico da cidade.