La Casa de los Ingleses e Carlos Sadness deixan paso á última xornada do ciclo Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción
A banda pontevedresa La Casa de los Ingleses e o músico barcelonés Carlos Sadness ofreceron dous concertos cargados de son fresco no Recinto Feiral.
O indie pop do grupo galego vibrou entre os seguidores que corearon as cancións do seu álbum 'La tierra es plana'. A continuación, Carlos Sadness presentou os temas do seu último álbum 'Tropical Jesus', publicado en 2020.
Este domingo péchase o ciclo Que non pare a música! con actuacións matinais con marcado sabor pontevedrés. A partir das 11.30 horas, a música e actriz Cora Velasco subirase ao escenario e, a continuación, a xuvenil banda dos Furious Monkey House serán os encargados de facer moverse ao público asistente.
O último concerto deste ciclo chegará ás 18.30 horas coa proposta sonora de Baiuca, que estivo de actualidade no mes de outubro ao atoparse con dificultades para abandonar Sudán, debido ao golpe de estado que se producía neste país despois de participar no Sama Music Festival. Permaneceron cinco días encerrados en Xartum.
Este proxecto musical do catoirés Alex Casanova combina a música tradicional galega con elementos electrónicos. O seu último álbum, 'Embruxo', é un exemplo do estilo denominado folktrónica.
As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla.
Relacionadas:
-
Unha versión de "Anduriña", a nova canción de La Casa de los Ingleses
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Baiuca, Cora Velasco e Furious Monkey House pechan con ritmo o festival Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Todo preparado para que mil persoas logren que non pare a música no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Que non pare a música!, novo ciclo de concertos en Pontevedra con Carlos Sadness, Dakidarría ou Baiuca
Por Alejandro Espiño |