Volve ao Museo o obradoiro 'Desde dentro do cadro', suspendido pola pandemia
Por Redacción
O novidoso obradoiro destinado a público familiar que pretende interpretar teatralmente algúns dos cadros da colección do Museo de Pontevedra poderá celebrarse máis de ano medio despois de que a pandemia obrigara a suspendelo.
A actividade, 'Desde dentro do cadro. Das artes plásticas ao teatro', cancelouse en marzo de 2020 e celebrarase finalmente o 4 de decembro de 10.30 a 13 horas e de 17 a 19.30 horas.
O Museo xa abriu o prazo de preinscrición para público familiar (persoas adultas e crianzas de máis de sete anos).
O número máximo de participantes admitidos será de 20. A participación é gratuíta, pero é preciso inscribirse a través do correo electrónico educacion.museo@depo.gal. A organización aconsella acudir preparado con roupa cómoda e algún dispositivo electrónico como tablet ou teléfono móbil.
Este obradoiro didáctico é unha actividade multidisciplinar de observación e investigación artística e creación teatral.
As persoas participantes realizarán unha viaxe fascinante desde un cadro do Museo de Pontevedra a unha peza teatral creada e interpretada por elas mesmas, axudadas por unha experta en novas tecnoloxías. Trátase dun camiño a través do que a arte exhibida nas paredes da institución museística provincial cobrará vida.