Chegan os 'Contos de inverno' con Celso Sanmartín, Paula Carballeira, María da Pontragha e Quico Cadaval
Por Redacción
Comeza o ciclo de contacontos 'Contos de inverno', impulsado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e a concellaría de Promoción Económica e Universidades de Pontevedra.
O ciclo ten entre os seus obxectivos pór en valor a literatura de transmisión oral, "como unha parte moi importante do noso patrimonio inmaterial", segundo a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo.
A primeira cita será este xoves ás 20.00 horas na Casa das Campás, coa participación do poeta e contacontos lalinense Celso Sanmartín.
O venres terá como protagonista a escritora e actriz Paula Carballeira e continuará a vindeira semana o xoves 25 e o venres 26, coa narradora e cantante María da Pontragha e o actor, director e escritor teatral Quico Cadaval, respectivamente.
Con entrada libre ata completar aforo, está dirixido a un público adulto e buscou reunir na súa programación voces tanto masculinas como femininas e de diferentes xeracións.
Agrelo destaca que "coas novas formas e modelos de vida, a literatura de tradición oral minguou a súa presenza na sociedade actual e por iso considerabamos necesario establecer espazos desde os que asuma un protagonismo central".
Por iso é polo que este ciclo busca pór en valor historias e narracións que forman parte da tradición galega e que articulan unha serie de "experiencias, saberes e ficcións que veñen a configurar o noso xeito de ser, como tamén a nosa maneira de pensar".