Concerto, este sábado no Principal, para conmemorar Santa Icía a cargo da Banda de Música de Salcedo
Por Redacción
A Banda de Música de Salcedo, acompañada pola Xuvenil e pola Coral Polifónica da parroquia, ofrecerá este sábado 20 de novembro, a partir das 20.00 horas, un concerto en homenaxe a Santa Icía, patroa dos músicos, no Teatro Principal de Pontevedra.
Este evento, organizado pola Asociación Músico-Cultural San Martiño, tamén servirá de presentación de Alfredo Sánchez Seara, novo director da Banda. Tamén será unha presentación en sociedade, despois das restricións máis estritas da pandemia, da Banda Xuvenil e da Coral Polifónica de Salcedo, que se atopará acompañada polo Coro de Nenos e Nenas da Escola de Música, que se estrearán nun concerto oficial da entidade.
A entrada será libre ata completar a capacidade. As persoas asistentes deberán portar máscara e seguir as recomendacións sanitarias para estes eventos en recintos pechados.
Segundo a organización, o concerto será un espectáculo variado, dinámico e atractivo cun repertorio no que se poderán escoitar, entre outras pezas, 'Dous de outubro', de Carlos Rodríguez, 'Rise of the Firebird', de Steve Reineke ou 'Los Gavilanes', de Jacinto Guerrero. Sánchez Seara tamén escolleu para a Banda Xuvenil pezas como 'Queen's park Melody', de Jacob de Haan ou 'Moment for Morricone', de Johan de Meij, obras que son coñecidas polo gran público.