Fernando Aramburu, autor de Patria, presenta o seu novo libro en Pontevedra cun evento solidario
Por Alejandro Espiño
O escritor vasco Fernando Aramburu estará o vindeiro luns 22 de novembro en Pontevedra. Visitará a cidade para presentar a súa nova novela, Los vencejos. Será no transcurso dun evento solidario organizado por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos.
Aramburu, o exitoso autor de Patria, protagonizará un diálogo literario con Xavier Seoane e Javier Pintor a partir das 19:30 horas no auditorio de Afundación.
A entrada é gratuíta pero require a retirada de invitacións a través de Ataquilla.com. Iso si, os organizadores piden que os asistentes entreguen na porta alimentos non perecedoiros, que serán repartidos posteriormente entre os bancos de alimentos de Galicia.
Cinco anos despois de Patria, Fernando Aramburu regresa cunha novela aceda e enternecedora que é un fermoso canto ao verdadeiramente importante: a amizade, o amor, a liberdade e, sobre todo, a vida.
O protagonista de Los vencejos é Toni, un home de cincuenta e cinco anos, divorciado e cun fillo que xa non vive con el. É profesor de filosofía nun instituto e vive en Madrid, no barrio da Guindalera. Huraño e posto a mal co mundo, que lle decepcionou, a súa vida redúcese a traballar, pasear á súa cadela Pepa e tomarse algunha cervexa co seu amigo Patachula.
Por moitos libros que lese, Toni confesa que hai cousas que non entende. Tamén cre que o importante xa o viviu, e que non merece xa a pena seguir no mundo, polo que toma a firme decisión de poñerse unha data para quitarse a vida.
Concédese un ano para poñer en orde todos os seus asuntos e pescudar as verdadeiras razóns da súa determinación. Só a chegada dos vencellos, na primavera, confirmaralle se tomou a decisión correcta.
Cun sentido do humor corrosivo, unha gran dose de ironía e unha afiladísima mirada ao mundo que vivimos, Aramburu crea un retrato dun home do noso tempo, superado polos acontecementos, vítima dunha deficiente educación sentimental doutra época, e perdido nun mundo postmachista, o da fin do heteropatriarcado.