O ciclo ‘Risadas Contadas’ anuncia a actuación de Isabel Risco e cambios na programación
Por Redacción
A actriz galega e recentemente premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña a proxectos pola igualdade, Isabel Risco, converterase este venres 19 de novembro na gran protagonista da terceira xornada do ciclo ‘Risadas Contadas’, unha das actividades estrela da programación de Anota Cultura!, que organiza o Concello de Poio.
O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá, a partir das 21.00 horas, o espectáculo ‘Bravas’, a través do cal a humorista ofrecerá a súa particular visión sobre as mulleres galegas. Trátase dunha actuación que mistura o humor coa ciencia ficción, xa que ofrece ao público asistente unha viaxe no tempo, a diferentes épocas da historia, incluído o futuro, o século XXIII.
A de Isabel Risco será a terceira actuación que a concellería de Cultura ofrece a través deste programa.
Ademais, a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que, por motivos de axenda, producirase un cambio de datas nas últimas actuacións de ‘Risadas Contadas’.
Deste xeito, o espectáculo de Sergio Pazos pasa ao venres 3 de decembro, mentres que Pedro Brandariz será o encargado de pechar este ciclo de monólogos e espectáculos de humor o vindeiro 10 de decembro.
Todas as actuacións do ciclo ‘Risadas Contadas’ son de carácter gratuíto, previa inscrición a través dun correo electrónico no que consten os datos persoais e que se enviará a anotaculturapoio@gmail.com, co obxectivo de controlar o número de espectadores que poden achegarse ao recinto cultural.
Relacionadas:
-
Pedro Brandariz pecha este venres o ciclo 'Risadas contadas'
Por Redacción |
-
Sergio Pazos contaxiará humor este venres 3 no Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción |
-
Retorna o humor a Raxó coas 'Risadas contadas' de Faia Díaz e Velo Rilo
Por Redacción |
-
Doses de humor co programa "Anota Cultura", que encherá Poio de monólogos, teatro e cinema
Por Redacción |