A Banda de Música Artística de Bueu celebra Santa Icía nas Lagoas cun concerto de versións de éxitos do pop
Por Redacción
A Banda de Música Artística de Bueu organiza este domingo 21 de novembro, en colaboración co Concello, un concerto conmemorativo da patroa dos músicos, Santa Icía. A cita será ás 12.00 horas na contorna do parque infantil das Lagoas.
Ademais, o concerto servirá como carta de presentación e oportunidade para dar a benvida aos novos integrantes desta agrupación musical. Os trompetas Martín Sánchez Paz e José Pastoriza Fernández, ademais de Pablo Pérez García á tuba debutarán nesta actuación.
O repertorio do programa musical para este domingo centrarase en pezas moi coñecidas e cun carácter divertido para todos os públicos. Realizaranse versións de música pop de artistas e grupos como Coldplay, Katy Perry, Lady Gaga ou Michael Buble. A Banda será dirixida por Víctor Manuel Löpez Pazos.
A entrada é libre. A organización anuncia que se realizará tamén unha campaña de captación de persoas que se queiran asociar a esta agrupación cultural, despois dun período complicado debido á inactividade provocada pola pandemia da covid-19.