Artes escénicas para reflexionar sobre as distintas formas da violencia
Por Redacción
Do 1 ao 3 de decembro, a Casa das Campás será escenario das I Xornadas Creación e Pensamento. Violencias á escena. Trátase dun ciclo no que as representacións artísticas combínanse con charlas destinadas a analizar a violencia machista, a situación das empregadas do fogar e as situacións que desencadea a idea de amor romántico na etapa adolescente.
Estas xornadas son promovidas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a concellería de Promoción Económica e Universidades, que dirixe Yoya Blanco. Ao longo dos tres días, o público terá a oportunidade de ver tres propostas escénicas diferentes marcadas pola violencia en escena e con protagonismo feminino.
As artistas Esther F. Carrodeguas, Graal Montes e Marta Pérez, cada día, representarán unha escena ás 20.00 horas para dar lugar a un coloquio centrado despois nas problemáticas que se tratarán en cada unha das actuacións nas que se ofrecen conflitos actuais como son os problemas das empregadas do fogar coa participación de integrantes da Asociación Xiara de Empregadas do Fogar; o amor romántico en relación cos celos e a posesión entre adolescentes, que será analizada pola escritora Montse Fajardo, acompañada por Grial Montes e Diego Chamizo; e na última xornada analizarase a necesidade de abordar o silencio e o efecto espectador #ante a violencia machista.
Eulalia Agrelo, directora da área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, explica que o ciclo busca expoñer, a través da arte, outras formas de observar temas de reflexión ofrecendo propostas de solución, segundo recolle o DUVI. A entrada a todas as seisiones será libre ata completar a capacidade da sala.