Un pequeno adianto do 2022 cultural centra o arranque da feira Culturgal
Por Alejandro Espiño
Culturgal foi o escenario no que este sábado coñecemos as principais liñas dos programas culturais que, desde diferentes administracións, activaranse en 2022. Neste foro, a Deputación de Pontevedra e a Xunta avanzaron gran parte dos seus contidos.
Así, Pontevedra será en 2022 unha provincia "de película". A cultura audiovisual será o eixo dunha nova campaña da Deputación e marcará toda a programación, fortalecendo entre outras cousas a marca Rías Baixas Film Fest, que agrupa a nove festivais de cinema.
"Imos volver a impulsar unha fonda acción pola provincia porque temos unha cultura de película", asegurou a presidenta, Carmela Silva, que avanzou que o obxectivo será converter a Pontevedra nun "plató de cine" e aproveitar as posibilidades que isto xera.
A este respecto, haberá xornadas coa Spain Film Commission sobre a reactivación do sector ou sobre a perspectiva de xénero no cinema e dúas exposicións ao redor do cinema e fotografía "Cinemas de Pontevedra. Memorias dunha ilusión" e "Pequena enciclopedia de fotografía".
A Deputación retomará a iniciativa "Cinema e muller" para fomentar a mirada de cineastas femininas e manteranse o programa "Pontevedra Estudio de Cinema", para patrocinar cinema feito en Galicia; e os premios "Mulleres no foco" para recoñecer a mulleres do audiovisual.
O patrimonio como "escenario de realidade e ficción" para fomentar a cultura en todas as súas manifestacións será tamén outro dos eixos para 2022 co lanzamento de dúas novas iniciativas para empregar a arte e a cultura para emprender no o territorio.
Serán "Mulleres extra muros", nas que se intervirá con arte para transformar espazos no ámbito rural e recuperar historias da súa memoria; ou "DepoCrea", un programa de acollida de creadores en residencias artísticas que se desenvolverá no Grove.
No ámbito cultural, a Deputación manterá, entre outros, os programas de teatro "Tornar ás táboas" ou "Historias cavadas", a musicais "Música non Ar", "Descúbreas" ou "Musigal", os percorridos de arquitectura e literatura ou a pioneira iniciativa da Escola de Letras.
Ademais, seguiranse celebrando actividades sobre históricas mulleres da cultura e as efemérides máis sinaladas, como o Día das Artes Galegas que, en 2022, estará dedicado a Laxeiro ou o centenario do nacemento da actriz María Casares.
En Culturgal, por outra banda, a Xunta abordou tamén as liñas estratéxicas nas que se centrará a súa programación cultural para o próximo ano 2022, que foi presentada na feira polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
"Será unha programación que porá o foco na revitalización do sector, con propostas diversificadas e descentralizadas para que a cultura chegue a todos os lugares de Galicia", sinalou Lorenzo na súa intervención.
Entre elas, destacou as celebracións do calendario do libro e da lectura de Galicia, a programación conmemorativa do centenario de María Casares ou a Laxeiro e Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeados no Día das Artes Galegas 2022 e das Letras Galegas 2022.
Ademais, a Xunta levou a Culturgal o Bono Cultura, o programa de descontos en produtos e servizos culturais que está a ter unha "excelente resposta" tanto entre o sector como entre o público e que se pode gozar ata o 31 de decembro.
A intensa programación que Culturgal organizou para esta xornada matinal do sábado incluíu numerosas propostas como a entrega a Pedro Rodríguez Villar do premio literario Nortear ou a presentación da editorial Rodolfo e Priscila e dos libros "Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa" de María Canosa ou "A historia do cómic en Galicia" de Octavio Beares.
No auditorio soou a música electrónica de Koroiev e de Ailá, unha proposta artística inspirada nas recollidas históricas dos cantos de transmisión oral de Galicia; mentres que a Fundación Rosalía de Castro presentou a exposición polos 50 anos da Casa Rosalía.
A proposta infantil máis destacada correu a cargo da compañía Títeres Cachirulo coa obra "Camiño de aventuras" ou coa presentación da iniciativa "O rato Pérez na Culturgal", impulsada polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Misión Biolóxica.
Relacionadas:
-
Os estudos de arquitectura e xénero de María Novas, premiados na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo
Por Redacción |
-
Eva Alonso, produtora de artes escénicas e audiovisuais, nova directora do Culturgal
Por Redacción |
-
Musigal estreará no 2022 un catálogo de grupos e artistas con concertos en galego
Por Redacción |
-
A revolución musical das Tanxugueiras, broche de ouro para o Culturgal do reencontro
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal bota man do teatro e da literatura para defender o galego ante o adverso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Grandes nomes da literatura galega animan o sábado do Culturgal
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal abre as súas portas como "punto de confluencia" dunha cultura galega en pleno "rexurdir"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Obras de artistas que gañaron Novos Valores serán expostas no Culturgal a través do Museo
Por Redacción |
-
Culturgal convida a descubrir todo o talento da cultura galega do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |