Grandes nomes da literatura galega animan o sábado do Culturgal
Arantza Portabales, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras ou Xosé María Álvarez Cáccamo foron só algúns dos grandes nomes da literatura galega que animaron a tarde deste sábado na feira Culturgal, que se está celebrando en Pontevedra.
Rivas, que presentou a obra "A nena lectora", compartiu charla con outros dous escritores de éxito, Ledicia Costas e Diego Ameixeiras, que chegaron tamén á feira con novos libros debaixo do brazo, "Golpes de luz" e "O cervo e a sombra", respectivamente.
Ao longo da tarde fóronse sucedendo as presentacións de novidades editoriais como "Un terror de auga fría" de Álvarez Cáccamo, "Que hostia din os rumorosos" do Colectivo Rompente, "Misarela" de Rodrigo Costoya ou "Xela Arias. Cancións" de Teresa Cuiñas.
Nesta primeira xornada do Culturgal, os videoxogos tamén cobraron protagonismo. Foi coa presentación do hub audiovisual que está a deseñar a Xunta de Galicia en colaboración coa asociación Videoxogo.gal para impulsar o potencial do sector.
Nesta cita abordáronse os proxectos de catro empresas galegas: The Waylanders, de Gato Studio; Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios; Super Woden GP, de Víctor justo, e Rai, de Wood Games, que reforzan a posición de Galicia como referente competitivo.
A sala de cinema tamén estivo moi concorrida coa proxección e coloquio de dous documentais: Negro Púrpura, de Illa Bufarda e Beiras Vivir2veces, de Produtora Ollovivo, que contou coa presenza do político Xosé Manuel Beiras.
Xoel Curiel, a Asociación Cultural Virandeira Folk ou a presentación do disco Calma, o primeiro en solitario do clarinetista Fernando Abreu coa colaboración do pianista Alberto Vilas, foron os encargados de poñer a nota musical á feira nesta sesión vespertina.
Pero se houbo un espazo que desbordou público con centos de persoas durante todo o día, ese foi o infantil con " Animalfabeto" de Triqueta Verde, "Contos de Roxín Roxal" da Fundación Uxío Novoneyra, "Coser y cantar" da cooperativa Charlatana ou as propostas musicais de Barafunda e da proposta da Reixa Producións ao redor da música dos Beatles.
A xornada finalizou en Culturgal con Funboa Escénica, que presentaron no hall do Pazo da Cultura o espectáculo Technocracia, inspirándose nas festas techno para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como un acto de insistencia e resistencia en comunidade.
Relacionadas:
-
A revolución musical das Tanxugueiras, broche de ouro para o Culturgal do reencontro
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal bota man do teatro e da literatura para defender o galego ante o adverso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Un pequeno adianto do 2022 cultural centra o arranque da feira Culturgal
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal abre as súas portas como "punto de confluencia" dunha cultura galega en pleno "rexurdir"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Obras de artistas que gañaron Novos Valores serán expostas no Culturgal a través do Museo
Por Redacción |
-
A Deputación dará a coñecer no Culturgal a súa programación en igualdade e cultura para 2022
Por Redacción |