O pontevedrés Celso Bugallo, candidato ao Goya polo seu traballo en "El buen patrón"
Por Alejandro Espiño
Haberá presenza pontevedresa na próxima gala dos Goya 2022. O actor Celso Bugallo optará ao premio ao mellor actor de reparto polo seu traballo en "El buen patrón", a última película do director Fernando León de Aranoa.
O filme bateu todas as marcas destes premios ao acumular 20 candidaturas, converténdose así na gran favorita ao triunfo na gran gala do cine español, que se celebrará en Valencia o próximo 12 de febreiro.
Para Celso Bugallo é o seu segundo nomeamento aos Goya, tras o que conseguiu no ano 2005 polo seu papel na película "Mar dentro" de Alejandro Amenábar, coa que ademais logrou levar a casa a prezada figura.
O actor pontevedrés, para poder repetir ese éxito, deberá superar a dous dos seus compañeiros de reparto, Fernando Albizu e Manolo Solo. O cuarto nomeado é Urko Olazábal por "Maixabel".
A candidatura de Bugallo non é a única que logrou o audiovisual galego para os Goya 2022. Entre elas destacan as de Luís Tosar e Javier Gutiérrez, que competirán polo premio ao mellor actor por "Maixabel" e "La hija", respectivamente.
Chechu Salgado, pola súa banda, optará ao Goya ao actor revelación polo seu papel na película "Las leyes de la frontera" e a compositora lucense Zeltia Montes está entre as candidatas ao premio á mellor música orixinal por "El buen patrón".
"The Monkey" do director coruñés Xosé Zapata está entre os finalistas á mellor curtametraxe de animación, mentres que a película "Valentina", dirixida por Chelo Loureiro, optará ao Goya ao mellor filme de animación; e "Tres", da produtora galega Frida Films, competirá nas categorías de mellor guion e mellor son.
Os nomeamentos aos Premios Goya 2022 pódense consultar na páxina web da Academia de Cine.