Os 50 anos de historia da Casa de Rosalía, en Montero Ríos ata o 20 de decembro
Por Redacción
O Paseo de Montero Ríos de Pontevedra acollerá ata o 20 de decembro a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, na que se repasa a historia deste museo desde a súa apertura o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo.
A exposición inaugurouse este luns coa presenza do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e a deputada de Lingua desta institución, María Ortega, ademais dun representante da Xunta de Galicia.
A mostra está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo e lembra, entre outras cuestións, o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.
O Padroado Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista.
Esta mesma exposición viaxará ata Santiago de Compostela unha vez que peche en Pontevedra e logo fará un percorrido itinerante por cidades e vilas de toda Galicia.
Carmela Silva amosouse "entusiasmada" de poder ter a exposición diante da sede da Deputación en Pontevedra, pois é "unha fermosa estrutura encrucillada" que será unha fiestra para que toda a cidadanía poida coñecer unha casa que é patrimonio de todas as galegas e galegos, e "o lugar onde vivía a muller que nos representa como país".
A presidenta destacou que esta Casa foi "imprescindible" para que non se perderan fitos tan relevantes da historia de Galicia e, tamén, para seguir afondando no coñecemento de "quen é o maior referente da nosa terra” e "a muller máis influínte de Galicia".
María Ortega explicou que a administración provincial é dende o pasado verán ‘mecenas’ da Casa Rosalía e a que existe unha grande vontade de colaboración entre ambas entidades. Na súa opinión, Rosalía "debe seguir a ser a bandeira de Galiza".
Relacionadas:
-
Camelias, poesía e música na Deputación para lembrar a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Últimas horas para visitar en Montero Ríos a mostra dos 50 anos da Casa de Rosalía, que será retirada o venres
Por Redacción |
-
Prolóngase a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía' ata o 27 de decembro
Por Redacción |