A biblioteca pública reforza a súa programación para o público infantil no Nadal
Por Redacción
A biblioteca pública de Pontevedra ‘Antonio Odriozola’ reforza en decembro a programación infantil con actividades de Nadal. Ás habituais sesións de contacontos e obradoiros súmanse no período das vacacións escolares dous talleres, un para elaborar álbums mediante o scrapbooking e outro de modelaxe paquetería e plástica.
Segundo informa a Xunta, titular da biblioteca, a través dun comunicado, a programación comeza este venres co espectáculo O chineiro da tía María, un contacontos para público familiar que emprega a técnica tradicional europea do ‘cantastorie’, no que se mesturan a narración de historias, as pinturas en grandes lenzos e a música cooperativa.
A vindeira semana, o día 10, terá lugar un obradoiro de despregables pop-up, con Juste Kamishibai, dirixido á rapazada de 8 a 14 anos.
Na xornada do 17 de decembro desenvolverase o taller de edición 'Libros en movemento: Ánxel Casal, entre a arte e a edición'. Nel, os participantes realizarán un caderno despregable sobre a vida do editor e político galego na data do seu nacemento, instaurada pola Xunta como o Día da edición.
O día 22 está previsto o espectáculo para público familiar Cantando con Migallas, a cargo de Migallas Teatro. A través de cancións acompañadas de escenas promoverase a lectura como pracer de aprendizaxe, o coidado das mascotas, o ciclo da natureza ou o traballo no campo, entre outros temas.
Os días 27, 28 e 29 de decembro a biblioteca de Pontevedra programou dous obradoiros, un pola mañá e outro pola tarde, con Anias. Para o público de 7 a 11 anos haberá estes tres días, ás 11,00 horas, o taller de scrapbooking para elaborar un álbum de Nadal. Os nenos e nenas de 4 a 6 anos poderán gozar nesas mesmas xornadas, ás 17,00 horas, de contos e actividades plásticas con Chegou o Nadal ao bosque.
EXPOSICIÓNS TODO O MES
Os 20 primeiros días do mes haberá unha exposición conmemorativa do Día da edición na que se homenaxeará a José Antonio Durán, investigador e escritor pontevedrés que puxo en marcha Taller de Ediciones.
A partir do día 15 instalarase tamén 'Melodías para o Nadal', cunha selección de libros sobre esta celebración para levar en préstamo.
A partir do 21, 'Isto tamén pasará', sobre a adolescencia e os cambios que representa.
A información sobre as actividades que requiren de inscrición previa pode consultarse na web do centro bibliotecario.
Relacionadas:
-
RADIO.- Sergio Costas publica con só sete anos o seu primeiro libro, 'O monstro e a nena', ilustrado polo seu pai
Por Marisa Ciordia |
-
O colexio de Marcón remata os obradoiros artísticos sobre igualdade impartidos por Migallas
Por Oskar Viéitez |
-
Invisten máis de 25.800 euros na instalación da rampla para facilitar o acceso ao andar superior da Biblioteca municipal
Por Redacción |
-
Mes da Ciencia na Biblioteca con obradoiros sobre robótica, astronomía e cine
Por Redacción |