'A Liorta', unha obra para lembrar a necesidade dos debates filosóficos na actualidade
Por Anxo Lourido
Nestes tempos convulsos, a filosofía preséntase como un elemento fundamental para entender cara a onde debe dirixirse a sociedade. Con esta idea, a compañía de teatro afeccionada Avelaíña Teatro presentaba o domingo na sede da SCD Mourente a súa última montaxe titulada 'A Liorta', que recolle a tradución a lingua galega do texto orixinal do autor francés Jean- François Prévand.
Como sinala Manolo Ayán, integrante de Avelaíña Teatro e durante anos profesor de Filosofía no IES Valle-Inclán, "malia a friaxe da noite e a paixón do fútbol, un público selecto encheu o aforo e seguiu con interese o debate filosofíco entre os dous grandes Mestres da Ilustración".
No escenario, os actores Xulio Leal e Miguel Anxo Martín interpretaban a Voltaire e a Rousseau, baixo a dirección de Antonio Simón. A obra ofrece unha reflexión sobre a gran crise da Ilustración cando caen as sociedades estamentais do antigo réxime e levántanse as sociedades democráticas modernas.
Os dous grandes pensadores debaten e mostran as súas discrepancias sobre o modelo de sociedade que xorde a finais do século XVIII. Rousseau acusa á Razón que defende Voltaire da aparición de grandes monstros como o capitalismo, a escravitude laboral, a alienación e a propiedade privada. O inspirador do romanticismo e do socialismo demanda un restablezo da civilización creada para que nazan sociedades que respecten a natureza e a igualdade. Pola súa banda, Voltaire defende a Razón como elemento central das sociedades burguesas. A través dun diálogo brillante, 'A Liorta' ofrece temas de debate plenamente actual.
Tras o éxito da estrea e despois do complexo proceso ao que Avelaía Teatro tivo que facer fronte para representar a obra en lingua galega, a compañía pontevedresa estuda un calendario de próximas actuacións, sempre que a situación pandémica permítao, para poder trasladar a mensaxe destes dous referentes da filosofía ao público nestes tempos onde cuestións como a falta de ética, a intolerancia e a corrupción están presentes no día a día.
Relacionadas:
-
'A Liorta', teatro para conmemorar os 40 anos da Aula Castelao de Filosofía
Por Redacción |
-
Avelaíña Teatro "vence" a SGAE para estrear en galego 'A Liorta' de Prévand este domingo en Mourente
Por Anxo Lourido |
-
Xulio Leal, de Avelaíña Teatro, mellor interpretación masculina no III Certame de Teatro de Lourenzá
Por Redacción |