Vetusta Morla inclúe un concerto en Portas na xira do seu novo disco, Cable a Tierra
Por Alejandro Espiño
Nove concertos incluíu Vetusta Morla na xira de presentación de Cable a Tierra, o seu sexto álbum de estudo. E un deles, o único por agora en Galicia, será en Portas.
A banda madrileña actuará en Portas o 5 de xuño, dentro unha xira que estableceu datas para Valencia, Barcelona, Gran Canaria, Tenerife, Bilbao, Alacante, Sevilla e Madrid.
Ademais, a xira tamén recalará en Ámsterdam, Bruxelas, París, México ou Alemaña.
As entradas sairán á venda o vindeiro luns 13 de decembro, ás 13:00 horas, unicamente a través da súa páxina web: vetustamorla.com.
Iso si, haberá unha preventa exclusiva, desde o día 10 e durante 72 horas, para os membros de Valientes, a comunidade Vetusta Morla, un espazo de subscrición gratuíta con contido exclusivo para os seguidores da banda. Para eles, haberá un 5% de desconto na súa compra.
Cable a Tierra, o novo disco de Vetusta Morla, é unha colección de dez cancións orixinais nas que o grupo explora as sonoridades e ritmos dos folclores de aquí e do outro lado do Atlántico, sen a pretensión de apropiarse diso, senón máis ben integrando todo no seu propio son para crear novas formas estéticas e musicais.
Trátase, segundo a banda, dun exercicio de procura, deconstrucción, inclusión e renacer da raíz cultural de diferentes lugares en convivencia co rock, o pop e as texturas electrónicas.
Levando as súas letras ao máximo expoñente, neste álbum Vetusta Morla retrata e debate sobre os actuais conceptos de raíz, cultura de pertenza, a celebración, a familia ou o pobo, co ánimo de contextualizalos nun novo discurso.