Recital-sorpresa da pianista Pallavi Mahidhara para colaborar con Amigos de Galicia
Por Redacción
A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía dedicará o seu último concerto deste 2021 a colaborar con Amigos de Galicia. Será no recital que ofrecerá a pianista de orixe hindú-norteamericana Pallavi Mahidhara o domingo 11 de decembro, ás 21.00 horas, no Auditorio de Vilagarcía.
As entradas, que teñen un prezo de 18 euros para os non socios, poñeranse á venda dúas horas antes no despacho de billetes do recinto.
A cantidade económica que se recade das entradas aos non socios irá destinada á ONG, pero tamén se poderán realizar donativos por parte de todo o público asistente.
Mahidhara ofrecerá un recital baixo o título 'Un piano romántico' e contará cun programa sorpresa. Só esta artista, que ofrece concertos moi didácticos, sabe as pezas que tocará durante esta sesión. A pianista, que fala perfectamente castelán, irá explicando cada unha das obras.
Pallavi Mahidhara é actualmente asesora artística e profesora de piano da Escola Superior de Música Raíña Sofía en Madrid e, durante a súa sobresaliente traxectoria, actuou como solista ou como parte dun conxunto orquestral nos auditorios de Berlín, San Petersburgo ou Washington.