Conta atrás para a estrea de Cabos Soltos nos bares de Pontevedra
Por Manu Otero
"A idea é comezar canto antes. Se pode ser a semana que vén, ben. Senón a seguinte". É a principal conclusión á que se chegou este xoves tras a reunión mantida entre a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e unha ducia de hostaleiros da cidade, os primeiros en inscribirse no programa Cabos Soltos.
Esta iniciativa do goberno local ten como obxectivo dinamizar a vida cultural de Pontevedra e, de paso, impulsar a economía do sector hostaleiro e artístico da Boa Vila a través da programación de concertos, recitais de poesía, exposicións ou representacións teatrais que terán lugar nos bares da capital e cuxos gastos serán asumidos polo Concello.
Á sala de xuntas do concello acudiu unha ducia de emprensarios da hostalería para coñecer de primeira man como se desenvolverá o programa. E aínda quedan outros tantos que serán chamados nos próximos días. Alí, Gulías explicoulles en que consiste o evento para pedirlles logo data, lugar e tipo de actuación que desexan programar nos seus locais.
"Agora teñen que mandarnos por correo a súa proposta e nós estudaremos todas para ver cales son as necesidades e programar as actuacións", explicou a concelleira do BNG.
Ademais, este tipo de actuacións poden realizarse tanto no interior dos locais como en espazos públicos e xa adiantou que varios locais da Praza do Teucro, Cervexaría O Bruc e La Pomada, traballan en conxunto para organizar unha das primeiras actuacións musicais desta edición de Cabos Soltos, que está incluída no Plan Supera 21 de axuda á hostalería para superar a crise económica derivada da pandemia da covid-19.