Gabino Diego: "Moitas das películas que admiramos non se poderían facer agora. Habería censura"
Por Alejandro Espiño
Leva case tres décadas sendo un dos actores máis coñecidos -e recoñecidos- do cine español, pero aos seus 55 anos Gabino Diego (Madrid, 1966) aínda ten corda para longo. Desde hai un tempo está centrado no teatro, "esa nai que sempre te acolle", explica.
Como protagonista de "Los mojigatos", onde compartirá escena coa actriz Cecilia Solaguren, o actor regresa a Pontevedra (sábado 18, 20:30 horas) para representar no auditorio de Afundación, unha obra que promete, desde a comedia, romper moitos tabús.
Gustaríame empezar esta entrevista preguntando, ti que a coñeciches ben, como recibiches a noticia do triste falecemento de Verónica Forqué?
Vivino como todo o mundo. Impactoume moitísimo. É moi triste que unha actriz como ela, unha persoa tan sensible, tan artista, ao final o que se lembre dela é o paso por un programa de televisión e non estando ben emocionalmente.
Chegaches a traballar algunha vez con ela?
Estaba a acordarme esta mañá que ela foi a primeira persoa que me ofreceu traballar en teatro. Ía producir ela con John Strasberg. Recordo que me dixo que ela se vía os últimos anos da súa vida traballando como unha velliña no teatro. E xa ves.
Compartiches con ela unha época dourada do cinema español, un cinema vándalo, crítico e con moita carga social que se sacudía aínda as físgoas da época sombría da que viña este país. Como lembras aqueles momentos?
Foi unha época moi boa. Todas o son, pero esa en especial foi moi interesante. Eu estaba a empezar, pero tiven a sorte de facer películas importantes como Ay Carmela, El rey pasmado ou Belle Epoque. Aínda que non sei se esas películas agora se poderían volver facer. Cambiou o formato e son os tempos que hai. Hai que adaptarse ao que vén.
Crees que retrocedemos nese tipo de liberdades creativas?
Sinceiramente moitas das películas que admiramos, por exemplo Amanece que no es poco, non se poderían facer agora. Habería censura. Non se poderían facer.
Fiando esta reflexión coa obra que presentas en Pontevedra, "Los mojigatos", nela si abordades temas serios e espiñentos, pero sempre cunha mirada cómica, non?
"Desde a comedia, falamos de cousas que estamos a vivir agora. Determinados tabús e censuras. Cousas que antes se podían facer e agora non"
A función vai dun matrimonio que, tras meses de seca sexual, decide alugar un teatro para contarlle ao público os seus problemas. Desde a comedia, falamos de cousas que estamos a vivir agora. Determinados tabús e censuras. Cousas que antes se podían facer e agora non.
Como que, por exemplo?
Pois mira. O meu personaxe, Jimmy, é un home que por momentos está perdido. Non sabe se ten que ser duro ou se o que quere a muller é outra cousa. E está perdido porque a muller liberouse de moitas cousas que impoñía a sociedade, de moitos clichés.
Nunha obra como esta, imaxínome que a complicidade coa túa compañeira é clave.
Desde logo. O é todo. Pensa que temos que dar a impresión de que somos un matrimonio que nos queremos e temos ganas de solucionar os nosos problemas. Pasaron dúas actrices nesta función e coas dúas sentinme moi ben. Agora estou con Carmen Barrantes, que é unha actriz marabillosa e moi boa compañeira.
Ademais, rompedes esa cuarta parede que separa aos actores e ao público e dirixídesvos directamente a eles, o cal fai que a visión do espectador sexa diferente.
O interesante desta dramaturxia é iso precisamente, que nos diriximos ao público e, á vez, o público pode ver a esta parella falando coma se estivese na súa casa. E logo hai momentos de cancións e coreografías, que é unha achega de Magüi Mira -a directora-.
E agora que dependemos tanto das tecnoloxías, crees que afecta as parellas?
Se o que tes que ter é facer amor cun robot, xa che digo que por aí non paso. Pero creo que os portais para ligar poden ser moi positivo. Agora mesmo o que necesita a xente é achegarse e atoparse. O importante é que todo o demais sexa de verdade, non de plástico.
E sen sexo, como os protagonistas da obra? Pode sobrevivir unha parella sen sexo?
Non se como funcionan as demais parellas. Eu non. Non podería.
"É moi impactante ver todo o patio de butacas con xente con máscara, pero dános moita tenrura que a xente non queira perderse a obra cando pasa pola súa cidade"
Empezastes a ensaiar esta obra despois do confinamento. Como foi volver ás táboas?
Foi duro, porque xusto terminou o confinamento e empezamos a ensaiar con máscara e todo. Foi unha época moi rara. E nas actuacións que tiñamos apalabradas dicíannos que eran a última obra que programaban, que logo pechaban. Custou bastante aceptalo.
E como recibe un actor, afeito ver a reacción do público, un patio de butacas cheo de máscaras?
Foi moi impactante ver todo o patio de butacas con xente con máscara, pero dános moita tenrura que a xente non queira perderse a obra cando pasa pola súa cidade e veña igual con ela posta. O teatro é un sitio seguro.
Pero a pandemia si vos afectado moito como sector, non?
Hai moitas compañías, igual que calquera outro negocio, que se arruinaron ou non puideron seguir adiante porque os teatros non abrían. Se non tes público e as poucas actuacións que tiñas suspendíanchas... Si, pasamos momentos moi complicados.
Relacionadas:
-
Pontevedra ri cos 'mojigatos' Gabino Diego e Cecilia Solaguren
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Gabino Diego, Miguel de Lira ou Juan Echanove, na tempada de teatro de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |
-
Gabino Diego e Teté Delgado 'intercambian' risas no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado |
-
Gabino Diego: "Temos un equipo fantástico en El intercambio, un all star da comedia"
Por Alejandro Espiño |