Manu Sierra reside en Sevilla desde 1999 e visítanos en PontevedraViva Radio con motivo dunha estancia do Nadal na súa cidade natal. Desde 2017 dedícase á escritura como oficio. 'Corruptio optimi' é o título da novela policíaca coa que este 2021 resultaba gañador doPremio de Novela Francisco García Pavón que convoca o Concello de Tomelloso.
Este mesmo ano, previamente ao Premio, publicou por primeira vez. Foi 'Actitud norte', continuación dunha novela anterior, inédita, pero que si ten título: 'Pedra sobre pedra'. 'Actitude norte' é outra novela negra, cun transfondo actual e que recollenunha experiencia persoal por mor da súa participación como voluntario de limpeza de chapapote tras a catástrofe do Prestige. Unha vivencia que relata neste podcast do 'Cara a cara'.
E é que a vida de Manu Sierra é a que está a lle prestar guións para as súas novelas publicadas. 'Corruptio optimi' é especialmente persoal porque se desenvolve en "un escenario de corrupción sindical". Fóra das páxinas, Sierra entre 2009 e 2013 dedicouse ao sindicalismo, chegando a ser adxunto do secretario de organización de Comisións Obreiras en Sevilla.
Para el era "case como un sacerdocio. Era o máis importante que fixera na miña vida". Con todo descubriu "o que había debaixo das alfombras". Eran os anos en que comezou a destaparse oescándalo dos ERE en Andalucía. Denunciou ante xornalistas e colaborou coa Policía Nacional. "Foi unha espita que abriu o chorro de investigación" e lamenta que "a corrupción é difícil de demostrar aínda que se saiba con seguridade".
Escribir, di, "era unha débeda pendente" que encaixou como unha forma terapeútica para dar continuidade á súa traxectoria vital e profesional. Anos atrás, aínda en Pontevedra, quixo tentalo con outro amigo, "sen outra pretensión que a de escribir", aínda que non chegou adiante. Segue traballando nunha cuarta novela que tamén seguirá no mesmo xénero negro e terá como protagonista a un sicario xubilado.