A 'palabra' de Luis Piedrahita oirase o 21 de xaneiro en Pontevedra
Por Redacción
O cómico Luís Piedrahita regresa a Pontevedra. Farao o vindeiro venres 21 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, para representar en auditorio de Afundación o seu último espectáculo, "Es mi palabra contra la mía".
Trátase, segundo os seus promotores, dun espectáculo cheo de enxeño e tenrura no que o artista galego analiza por que ninguén está contento co que lle tocou na vida.
Así, Piedrahita saca a relucir os aspectos máis absurdos do noso día a día, entre eles, temas de fondo calado existencial como as cellas negras das señoras maiores, o medo ao váter alleo ou o amor verdadeiro a través de profundas reflexións e ensaiadas improvisacións.
As entradas para asistir a este espectáculo, que teñen un prezo de 16 euros, están xa á venda a través da plataforma Ataquilla.com.
Luís Piedrahita (A Coruña, 1977) é humorista, ilusionista, escritor e director de cinema. Moi coñecido polas súas aparicións en televisión e radio ou os seus monólogos de humor, actualmente é colaborador de El Hormiguero e traballou como guionista en El club de la comedia.
Como cineasta escribiu e dirixiu, xunto a Rodrigo Sopeña, a longametraxe La habitación de Fermat e é autor de sete libros de humor, un libro de literatura infantil e outro de maxia.