Últimas horas para visitar en Montero Ríos a mostra dos 50 anos da Casa de Rosalía, que será retirada o venres
Por Redacción
A exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía' retirarase o vindeiro venres 24, tres días antes do previsto. A causa desta decisión é que se espera un temporal durante a fin de semana que podería afectar á instalación.
Os paneis que conforman esta mostra que se atopa fronte ao edificio da Deputación de Pontevedra xa foron retirados o 7 de decembro cando os refachos de vento e choiva provocaron a caída de varios elementos co perigo que conlevaba para os viandantes. O material foi reparado e volvíase a instalar o 17 de decembro cun reforzo na ancoraxe.
A decisión adoptábase seguindo o principio de prudencia por parte da Deputación de Pontevedra ante a posibilidade de que a situación meteorolóxica prevista provoque novos danos na estrutura.
Aquelas persoas que desexen visitala poderán observar a historia do museo de Rosalía nun traballo comisariado por Pepe Barro. Nos paneis compróbase a importancia histórica que tivo comprar, restaurar e musealizar a denominada Casa da Matanza durante a época franquista, grazas á colaboración de miles de persoas.
A través de José Manuel Rey de Viana organizáronse colectas en moitas vilas galegas e en case todos os centros galegos na emigración con participación de bancos, concellos, equipos de fútbol e outros colectivos para recuperar Casa-Museo, que se lograba abrir ao público o 15 de xullo de 1971.
A Deputación é "mecenas" da Casa Rosalía desde este verán e organizará actividades de maneira habitual en colaboración coa Fundación Rosalía, co obxectivo de destacar a vida e a obra da autora de 'Follas novas'