Cotobade acolleu a presentación do libro "Na lembranza dos veciños", de Antonio Fraguas
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, presentaron o libro "Na lembranza dos veciños", de Antonio Fraguas Fraguas sobre as Terras de Cotobade.
A edifición do libro foi coordinada por Francisco Sangiao, Roboredo e Claudio Quintillán, e se deu a coñecer na xuntanza do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas na sede institucional do Concello de Cerdedo-Cotobade en Carballedo.
Este libro recompila artigos e traballos realizados por Antonio Fraguas para recuperar do esquecemento o patrimonio inmaterial que naquel momento vivía na lembranza colectiva da veciñanza de Cotobade.
Durante a presentación, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ensalzou a figura de Antonio Fraguas e manifestou a súa satisfacción e a de todos os veciños polo feito de que por primeira vez se celebrara no Consistorio unha xuntanza do Padroado da Fundación da que forma parte activa o Concello como persoa xurídica.
O alcalde aproveitou a xuntanza para anunciar que próximamente terá lugar a inauguración oficial do Centro Cultural Antonio Fraguas que ocupará o vello e rehabilitado salón de baile de Carballedo, edificio emblemático e con gran contido sentimental para os veciños do lugar, e que agora retoma o seu servizo como centro cultural e turístico no que se investiron uns 486.000 euros.
Os membros do Padroado felicitaron ao Concello pola iniciativa e recoñeceron que é un edificio que lle fai xustiza a Antonio Fraguas pola súa simboloxía e carácterísticas. Tamén resaltaron a importancia que terá o libro presentado para as xeracións futuras, xa que grazas aos traballos de Antonio Fraguas "terán unha idea máis precisa da súa cotorna e do seu patrimonio artístico, material e inmaterial, de como era a vida dos cotobadeses, dos seus traballos e tamén do lecer, as crenzas e os costumes. E como se desenvolvían as sucesivas etapas da vida, neste mundo e tamén no alén: nacemento, nenez, adolescencia, mocidade, casamento, doenzas e a morte".
A presente escolma recolle unha antoloxía de traballos de Antonio Fraguas orixinalmente publicadas en revistas e actas de congresos dedicados exclusivamente ás terras de Cotobade ou nos que gran parte da información procede deste territorio. Excluíronse aquelas que son accesibles, en especial por seren reeditadas cando se lle adicou o Día das Letras Galegas en 2019, monografías editadas en libro, e outros artigos publicados en xornais e revistas, de carácter sobre todo divulgativo.
A Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego, grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Concello de Cerdedo-Cotobade, coeditaron esta escolma de artigos, "unha mostra do amor e entrega a Galicia e á súa terra natal de Cotobade de D. Antonio Fraguas Fraguas, seguros de que será do voso interese, en especial para a veciñanza deste Concello", concluíron.
Relacionadas:
-
O labor de Antonio Fraguas de se mergullar na lembranza colectiva de Cotobade amósase nunha publicación
Por Redacción |
-
As obras do Centro Cultural e Turístico 'Antonio Fraguas' finalizarán este mes
Por Redacción |
-
'Os Animais de Fraguas', libro inédito do autor cotobadés cos deseños de Kiko da Silva e Miguelanxo Prado
Por Redacción |
-
A Xunta aporta 350.000 euros para o novo Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas
Por Redacción |