Mes de recoñecemento ás persoas máis usuarias da Biblioteca de Pontevedra
Por Redacción
Xaneiro preséntase como un mes de celebracións dentro da programación da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra. Ademais, ao longo das próximas semanas tamén están previstas actividades para as que é necesario inscribirse previamente, a través da páxina web deste centro dependente da Xunta de Galicia.
O martes 11 conmemórase o Día das persoas usuarias e anunciarase aos novos socios e socias de honra, que serán tres persoas adultas e tamén usuarias da sección infantil que durante o 2021 levasen máis libros en préstamo. Recibirán un diploma e libros de agasallo, ademais de poder incrementar os materiais para levar en préstamo durante doce meses.
O 14 de xaneiro, ás 17.30 horas poñerase en marcha o obradoiro 'Detectives de misterios na Biblioteca', dirixido a público infantil, con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. As persoas participantes deberán buscar unha mensaxe oculta polo centro co obxectivo de resolver un misterio. Percorrerán as instalacións situadas na rúa Alfonso XIII nunha visita guiada e converteranse en profesionais do centro para coñecer o funcionamento dos sistemas de procura e de préstamo de libros.
O venres 21 ofrecerase un espectáculo de contos tradicionais a cargo de Raquel Queizás, destinado a público familiar, baixo o título ' Dámoslle volta ao conto'.
Na xornada do 26 de xaneiro instalarase a mostra 'O libro ilustrador na biblioteca', que consta de volumes de especial importancia pola súa tipoloxía e contido. Permanecerá aberta ata o 15 de febreiro.
O 30 de xaneiro celebrarase o Día da Ilustración, en conmemoración do nacemento de Castelao. Con motivo desta data, a Biblioteca acollerá unha sesión de contacontos e un taller de debuxo o día 28 ás 18.00 horas, impartido por Polo Correo do Vento.