Préstamos sorpresa na biblioteca de Caldas para celebrar o día dos usuarios
Por Redacción
O vindeiro martes día 11, a Biblioteca Municipal de Caldas de Reis celebrará o Día das persoas usuarias das bibliotecas, establecido no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia, e farao cunha actividade especial.
Para conmemorar esta data sinalada organizarase unha xornada de préstamos sorpresa, coa que se pretende sorprender e, ao mesmo tempo, dar a coñecer parte dos seus fondos.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, María López, estes préstamos serán en de lotes con documentos variados (libros, CD, DVD), seleccionados polo persoal da biblioteca pola súa calidade, sen que os usuarios coñezan o seu contido.
Desta forma realizaranse préstamos a cegas para os que será necesario ter unha mente aberta e ganas de realizar descubrimentos en materia cultural, aseguran.
Prepararanse lotes para todas as idades, gustos e preferencias.
Esta actividade poñerase en marcha o día 11 de xaneiro e manterase aberta ata finalizar os lotes preparados polo persoal da biblioteca.