Alicia Borrachero: "A carencia de afecto pódenos levar á tolemia ou á morte"
Por Alejandro Espiño
Desde que entrou en millóns de fogares con series como Periodistas ou Hospital Central, Alicia Borrachero (Madrid, 1968) converteuse nunha da actriz máis coñecidas -e recoñecidas- do panorama español cunha carreira chea de éxitos en televisión, cinema e teatro.
E é que a esta artista todoterreo nada se lle resiste. Agora triunfa con Las criadas, a adaptación que o director Luís Luque fixo da polémica de obra de Jean Genet e coa que Afundación arranca a súa tempada de teatro en Pontevedra (sábado 22, 20:30 horas).
Ela e Ana Torrent dan vida a Solange e Claire, dúas irmás que traballan como criadas dunha dama da alta burguesía francesa. Todas as noites inician unha cerimonia perversa, un ritual onde a realidade e a ficción mestúranse nun xogo mortal de cambio de identidades.
Non se se sería acertado dicir que Las criadas, artisticamente falando, é unha das obras máis complexas ás que te enfrontaches na túa carreira.
A verdade é que si. Ata o de agora, xunto con La señorita Julia de Strindberg, que a dirixiu no seu día Juan Carlos Corazza, é a función máis complexa á que me enfrontei. Ten un universo moi particular que vén dun lugar e dunha alma moi danada.
Coñecías a traxectoria de Jean Genet?
Agora que teño tempo é cando máis me informei sobre Genet porque me espertou moita curiosidade. Ata o de agora con tentar facer a función tivemos xa moito traballo. E si, é unha obra que escribiu no cárcere e partindo desta base todo vén detrás.
A que te refires?
"Con Las criadas comprendes a escuridade da alma e as consecuencias da carencia do afecto nos seres humanos"
Tivo unha vida moi marxinal, fillo de pai descoñecido e nai prostituta. Foi drogadicto, chapero, ladrón... Todo iso está en Las criadas. Hai unha sublimación do crime como identidade. Soa estraño, pero a xente conecta coa mente destas mulleres. Entenden que lles levou a ser así. Non se xustifica o crime nin nada semellante, pero comprendes a escuridade da alma e as consecuencias da carencia do afecto nos seres humanos.
Cunha obra que tivo tanto percorrido, tamén aquí en España, fuches capaz de abstraerte de adaptacións anteriores e traballar o teu personaxe desde cero?
Ao principio impoñíame moito. Era unha responsabilidade, aínda que actuar sobre o escenario sempre o é e máis cun texto deste calibre. O que pasa é que cando un se pon a traballar é tal a tarefa e o que hai que facer, que non queda tempo para nada. Levamos coa obra ano e medio e cada día que pasa entendémola moito mellor.
As dúas irmás, Claire e Solange, ás que encarnades Ana Torrent e ti, son moi diferentes entre si, pero en realidade son as dúas caras dunha mesma moeda, non?
Hai unha frase de Solange na obra, despois de cometer un crime, que di "fíxeno para deixar de ser unha criada e converterme noutra cousa, nunha asasina". Non teñen identidade, non son ninguén. Velas e parecen a mesma persoa.
O que si está na obra é o que o autor chamaba o xogo de espellos, unha vese na outra. Todo é un xogo teatral. Imos cambiando de roles todo o tempo. Claire é a señora e Solange é Claire. Solange é a señora e Claire é Solange. Son espellos nos que se perde a identidade. Son dúas irmás que non se poderían entender a unha sen a outra, efectivamente.
Ese ritual que inician cada noite é algo que necesitan para sobrevivir?
Completamente. É o único que as mantén medianamente cordas, cordura que perden moi pronto. É a súa única vía de escape, a súa única maneira de expresarse. Non teñen contacto con ninguén nin permiso para facer nada. É como unha terapia. Cando a señora non está, péganse, maltrátanse, cóspense. Fanse todas esas cousas que fantasean que fai a señora con elas.
Ao teu personaxe, Solange, móvelle quizá moito máis a vinganza. Goza facendo dano
Máis ben diríache que ela expresa máis a súa dor. Quéixase máis, está máis resentida e amargada. Pero dio. Claire leva toda esa dor dentro pero disfrázao de admiración pola señora. De entrada hai unha que quere vingarse e a outra irmá non está niso. Unha está moito na terra e a outra, nas minchas. Pero cando se xuntan son como un tsunami.
E ao final, as oprimidas case acaban convertidas en monstros...
"A xente, aínda que sexa cun estraño á beira, quere compartir. Nótase a necesidade de ir ao teatro en comunidade. Houbo momentos moi conmovedores na xira"
Pero non por esta cerimonia que fan. No xogo teñen un guionciño que se van saltando porque queren facer máis. Aparece a rivalidade entre as irmás, o que non se din e bótanse en cara. É bastante complexo. A loita de clases, por suposto, está moi presente, pero ao final comprobas que a carencia de afecto pódeche levar á tolemia ou á morte.
Crees que a obra cambiou de significado ou se entende de maneira diferente tras a pandemia?
Que boa pregunta. Non se como se entendía antes porque non a faciamos, só che podo dicir que nós comentamos moito que esta é unha obra pandémica. Hai algo nela de claustrofobia, de seres que non poden escapar a unha realidade sobrevinda, Non teñen escapatoria nin contacto con ninguén. E iso conecta co que nos pasa.
Cando estreamos a obra pasou algo moi bonito que seguiu ocorrendo co público A xente, aínda que sexa cun estraño á beira, quere compartir. Nótase a necesidade de ir ao teatro en comunidade. Houbo momentos moi conmovedores na xira. Xente que aplaudía e dábanos as grazas. Sinto que a pandemia puxo algo máis luz de sobre unha obra tan escura.
Representar Las criadas foi ademais todo un reto porque chegou a pandemia, parastes os ensaios e ao retomalos, todo cambiara.
Eu incorporeime tras a pandemia. Pero si, foi difícil ensaiar unha función deste calibre e intensidade nestas condicións. Non nos vimos as caras ata semanas antes. Ensaiabamos con máscaras e con moito medo porque non sabiamos se iamos poder estreala ou canto tempo ía durar aquilo. Ao final, fomos sorteando as adversidades.
Dá a sensación que o público volveu máis rápido ao teatro que ao cinema, por exemplo. Tes esa mesma percepción?
Non sei dicirche porque agora mesmo saio pouco, pero o que si vexo é que a xente vai ao teatro. Para como están as cousas é conmovedor. Hai algo que só ocorre alí. O teatro fala á alma e ao intelecto da xente. O cinema é outra cousa. Tamén é arte con maiúsculas. Eu creo que as salas están a empezar a recuperarse. Oxalá sigan así.
Aínda que estás de xira con esta obra, fixeches moita televisión. É bo momento agora para as series? Axudou a chegada das plataformas?
"Devaluamos un pouco o valor da ficción. Consumimos sen parar e, a maior parte das veces, dános igual o que vemos"
Hai máis produción e iso é bo. Hai máis variedade e, por tanto, máis traballo. Pero sinto que perdemos o evento que antes eran as series. A xente xuntábase para velas e comentábanas durante días. Agora, hai un consumismo salvaxe e veloz na sociedade.
O outro día ía no tren e había un mozo vendo unha serie no seu iPhone. Impactoume, aínda que sei que se fai. Todo ese traballo para que che vexa alguén nun AVE mentres entras nun túnel e se corta a emisión. Ou que vexa cinco minutos de serie e logo envíe cinco mensaxes.
Boto de menos que as cousas sexan máis sosegadas. Que non sexa todo de usar e tirar. Agora te tombas nunha cama, eu son a primeira, e tragas unha serie nunha semana. E a pola seguinte. Devaluamos un pouco o valor da ficción, sobre todo a xente nova. Consumimos sen parar e, a maior parte das veces, dános igual o que vemos.
E ás veces non crees que o criterio artístico queda en segundo plano? Parece que só se busca que a serie se faga viral e fichar a xente que ten miles de seguidores nas redes
Ese o mundo no que vivimos. A televisión é o reflexo da sociedade. Agora tense en conta esa variable que, sen desmerecer nada nin a ninguén, non ten nada que ver coa capacidade dunha persoa para facer o seu traballo. É todo así de tolo, pero é o que hai.
No medio de todo este panorama, que é o próximo que veremos de Alicia Borrachero?
Pois estreo moi pronto Now and then, a primeira serie que produce Apple TV en España e tamén rodei a versión en inglés de La piel del tambor de Pérez Reverte. En breve empezo a gravar outra serie que non podo dicir porque aínda non anunciaron o elenco e hai algo por aí de teatro tamén, sen estar comprometido do todo.
Non me queixo que polo menos teño traballo. Só teño que dar grazas. Primeiro por Las criadas, que foi unha viaxe artística e persoal moi importante. Foi unha experiencia fermosa e profunda con Ana Torrent e Jorge Calvo, desas que non esquecerei nunca. E cun director que nos deu moita liberdade. Son moi afortunada de traballar con el.