Trinta artistas de Galicia e Portugal mostran en Pontevedra a súa visión do Camiño
Por Redacción
Camiños. O Camiño e as Artes é a nova proposta expositiva que, comisariada por Tino Lores, o Museo de Pontevedra abrirá ao público este venres. Trátase dunha mostra colectiva e multidisciplinar que reúne manifestacións culturais do Camiño Portugués a Santiago.
A mostra reúne as obras de máis de trinta artistas e persoas creadoras de Galicia e Portugal.
Nesta ocasión haberá obras de representantes da pintura luso-galaica como Agustín Pousseu, Álex Vázquez, Amelia Palacios, Ana Corzo, Antón Sobral, Carmen Hermo, Eduardo Dios, José María Barreiro, Kuqui Pazos, Luz Lafuente, Mario Rocha, Puri del Palacio, Xaime Falcón, Gerhard Mader ou Rafael Úbeda, pintor e músico.
Tamén haberá unha parte de escultura a cargo de Enrique Velasco Viéitez, Francisco Pazos, Paulo Neves, e Suso Balado; e outro apartado de artesanía no que haberá pezas anónimas de Barcelos (Portugal), creacións da zoqueira Elena Ferro ou do artesán Joaquim Esteves.
A creación musical terá o seu apartado con iniciativas da cantante Begoña Lorenzo, o luthier César Loureiro Sobral, o músico Edelmiro Luis Mateo García, a vocalista Noelia Solleiro, e tamén da danza a través de Glau Fonseca.
A escrita será outra das artes incluídas na mostra, a cargo da escritora e docente Carmen Quinteiro, a poeta e artista Minerva e o escritor Xaime Toxo.
Seguirá outro apartado visual cos fotógrafos Aquilino Valiño, Enrique Ruis e Xulio Gil, acompañados polo tamén fotógrafo e blogueiro Xoán Arco da Vella.
A inauguración da mostra, que estará aberta no Edificio Sarmiento aproveitando a conmemoración do Ano Santo 21-22, será este venres día 21 de xaneiro e manterase a disposición do público ata o 21 de marzo.