A enerxía de Mayumaná atrapa o público pontevedrés
Por Mónica Patxot & Redacción
A combinación de danza, percusión, efectos electrónicos, iluminación e imaxe multimedia de ' Currents' conquistou este xoves ao público pontevedrés, atrapado pola enerxía que desprende en cada un dos seus espectáculos a formación israelí Mayumaná.
A compañía internacional máis aclamada do mundo presentou no auditorio da sede de Afundación en Pontevedra o seu novo espectáculo, que reúne os números que fixeron historia na traxectoria da formación acompañados doutros de nova creación.
O espectáculo creouse para o festival da Luz de Xerusalén e está inspirado na disputa histórica que mantiveron os dous empresarios e inventores Thomas Alva Edison (creador da corrente continua) e Nikola Tesla (corrente alterna, que se utiliza ata hoxe) a finais do século XIX.
A compañía conta cun elenco internacional recoñecido a nivel mundial tras unha traxectoria de 24 anos de actividade, máis de 156.000 exhibicións en máis de 20 países e 8 millóns de espectadores.