A través de redes sociais e usando os hagstag #DíaCR e #27eDíaCR está a visibilizarse este 27 de xaneiro, Día Internacional da Conservación e Restauración, que para esta ocasión ten como lema: Sen profesionais non se conserva o patrimonio. Falamos destes bens culturais e destes profesionais con Carmen Lorenzo Rivera, directora da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, ubicada en Pontevedra.
Este centro, o segundo máis antigo de España nesta disciplina profesional, leva uns anos que cobre todas as súas prazas no seu primeiro curso. Non son moitas as que se ofertan xa que "é un grao con moita carga práctica e con obra real, polo que é importante que sexan poucos alumnos". Un alumnado e unha actividade na que hai maior número de mulleres que de homes.
Neste 'Cara a cara' ponse de manifesto o descoñecemento que en xeral ten a sociedade sobre o que é o traballo de conservación e restauración: "crese que é algo como traballos manuais e todo o contrario, é un traballo moi científico e multidisciplinar". Falamos tamén de falta de educación patrimonial que se traduce, por exemplo, en actos vandálicos como as pintadas: "o patrimonio dun pobo é a súa propia identidade, entón se non conservas esta identidade que che queda para deixar ás xeracións futuras?".
España é un país cun inxente patrimonio cultural, desde edificios, esculturas, pinturas, pasando por xacementos, libros ou documentos. E sen esquecer outro patrimonio que non se ve ou non se puido descubrir como é o patrimonio mergullado. A este último respecto, Carmen Lorenzo sinala en PontevedraViva Radio que na costa galega "hai un patrimonio riquísimo porque a longo da historia afundíronse moitos barcos e hai un número de pecios enorme. Uns sábese onde están, outros non".