Ónde está o Apóstolo?
Por Alejandro Espiño
Atopar ao Apóstolo Santiago nas diferentes paradas do Camiño Portugués da Costa. Esa é a divertida proposta que fan dous ilustradores pontevedreses, Ramón Quintás e Noelia Muiños, el de Gondomar e ela de Ponte Caldelas.
Ambos editaron, a través da compañía Hércules de Edicións, Camiño portugués da Costa, un libro de busca e atopa que convida os lectores a descubrir as distintas paradas deste roteiro xacobeo, desde Porto a Santiago de Compostela.
A publicación, ao máis puro estilo Onde está Wally? propón atopar ao apóstolo en cada unha das trece ilustracións cheas de detalle das diferentes localidades polas que pasa este itinerario: Porto, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela.
Dispoñible en galego, castelán e inglés, este libro infantil inclúe unha breve descrición e datos curiosos da poboación á que acompaña.
Así, os ávidos lectores, por exemplo, poderán descubrir que José María Eça de Queirós naceu en Póvoa de Varzim; que a fortaleza de Monterreal, en Baiona, foi protexida polo conde de Gondomar do ataque do pirata Drake; que o trobador Mendiño procede da Illa de San Simón, en Redondela, ou que o loro Ravachol é o protagonista de Entroido Pontevedrés.
Ramón Quintás e Noelia Muiños son os artífices de Papelier, unha tenda estudo de deseño e ilustración con sede en Baiona. Ambos contan con formación en comunicación, belas artes e pedagoxía e, tras colaborar con numerosas empresas, estudos, deseñadores e artistas para dar vida a proxectos privados e corporativos, decidiron crear a súa propia marca.